Publicador de contidos
Publicador de contidos

As mareas vivas deixan á vista o pecio da Arnela, en Corme

As mareas vivas deixan á vista o pecio da Arnela, en Corme

Investigadores vascos e galegos aproveitan a baixada da marea para identificar os restos e conservalo

Todo apunta á Fragata Placeres, un barco que saiu de Euskadi cara ás Filipinas e que se afundiu en Corme en 1793

G24.gal 19/09/2024 14:24

É un regalo para os ollos e para os historiadores, pero que quede á vista non é un bo síntoma senón unha consecuencia da canalización do río.
 

"Impide que se cumpra o ciclo que era o que facía que sempre estivera tapado. Durante máis de cen anos estivo sempre tapado e só asomaban dúas puntas cando había mareas vivas pero debido a ese problema o pecio está desaparecendo. Nos últimos nove anos, perdeuse entre o 60 e o 70%", explica Suso Liste, ao fronte da Asociación Insua de Viastela, que impulsa o proxecto.

Son uns dez metros de madeiras, supostamente da Fragata Placeres, un barco comercial que saíu do País Vasco con destino ás Filipinas pero que nunca chegou. Afundiu o 8 de decembro de 1793 con máis dun cento de mariñeiros a bordo dos que pouco se sabe. 

"Vimos as dimensións das táboas da embarcación e corresponden coa métrica que se usaba nos estaleiros vascos naquela época, polo que a hipótese é moi plausible", aclara Xabier Alberdi, director científico de Albaola e do Museo Marítimo Vasco.

Estas últimas medicións servirán para identificalo, e saber se están relacionados cun canóns e unha áncora que está uns metros máis alá. Despois, buscarán a mellor maneira de conservalo. 

"Facer algúns tipos de tapados que perduren máis, que non os desfagan as correntes nin o movemento de pedras por riba senón tapados de area que non danen o ambiente pero que protexan as pezas. A conservación 'in situ' sempre é mellor", adianta María de la Fuente, Conservadora de Bens Culturais.

Pola tarde, ás sete, haberá unha conferencia alí en Corme para falar sobre a importancia deste proxecto que une vascos e galegos. Historia viva da navegación que no seu día colocou Corme no mapa das rutas comerciais máis importantes do comercio exterior. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos