Publicador de contidos

Publicador de contidos

As mensaxes do teléfono do fiscal xeral borráronse dúas veces o día que o Supremo lle abriu causa

As mensaxes do teléfono do fiscal xeral borráronse dúas veces o día que o Supremo lle abriu causa

O informe da OCU sinala que García Ortiz non se comunicou con ningún xornalista nin con Moncloa nin con Ferraz a noite da filtración investigada "polo menos por este medio"

Interior reforza a seguridade de García Ortiz tras a filtración dos seus datos persoais

O PP chamará a Pedro Sánchez á comisión de Begoña Gómez na Asemblea de Madrid

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz (Mateo Lanzuela-Europa Press)
G24.gal 10/02/2025 11:56 Última actualización 10/02/2025 13:10

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil enviou un novo informe ao maxistrado Ángel Hurtado en que acredita que o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, borrou todas as súas mensaxes de WhatsApp ata en dúas ocasións, o 16 de outubro, o día que o xuíz abriu a investigación contra el.

O informe, ao que tivo acceso EFE, analiza o tráfico de chamadas do fiscal xeral entre o 8 e o 14 de marzo, que é o prazo que investiga o xuíz, a partir dos dispositivos móbiles incautados tras o rexistro do seu despacho o pasado 30 de outubro.

A UCO sinala que "non se atoparon mensaxes anteriores ao 16 de outubro na aplicación WhatsApp do dispositivo". E explica que "esa falta de mensaxes débese fundamentalmente ao baleirado ou borrado intencionado de todas as mensaxes contidas nas distintas conversas, sendo realizada esta acción ata en dúas ocasións o indicado día 16 de outubro".

Dáse a circunstancia de que o maxistrado Ángel Hurtado abriu causa contra el ese mesmo día por un presunto delito de revelación de segredos, relacionado coa filtración de información de Alberto González Amador, parella da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, sobre a súa investigación por fraude fiscal.

O informe destaca así mesmo que "a recuperación de datos de interese en copias de seguridade almacenadas en Google Drive non foi posible debido á eliminación deliberada da conta asociada a este servizo". De feito a conta persoal do fiscal xeral, á que chegaron os correos que se investigan na causa a noite do 13 de marzo, "foi eliminada recentemente e quizais se poida recuperar", sen precisar en que data se eliminou esa conta de correo.

A UCO xa certificou que o fiscal xeral cambiou o seu dispositivo móbil o 23 de outubro, unha semana despois de que o xuíz abrira causa e unha semana antes do rexistro do seu despacho. Por iso, di a Garda Civil "non é posible recuperar mensaxes borradas anteriores ao 16 de outubro debido a que nunca existiron no dispositivo analizado", xa que este é novo.

O fiscal xeral xustificou o borrado ante o xuíz

No seu interrogatorio ante o xuíz, defendeu o borrado das mensaxes asegurando que el borra "absolutamente todo" e faio "dunha maneira regular" porque contén "datos ultrasensibles". "Eu non podo permitirme o luxo de abandonar, perder ou que chegue a mans de terceiros un terminal coa información que teña", sinalou, sen citar, iso si, cando borrou as mensaxes do seu móbil.

Detallou que borra "todo", pero "non só porque exerzo o meu libre dereito a manexar nin terminal como queira, borro todo porque é unha imposición legal, debemos borrar os datos dos nosos terminais, e non o digo eu, dío o regulamento de protección de datos da UE". Tamén citou a Lei de Protección de Datos española, a instrución 2/19 da Fiscalía Xeral e o Ministerio de Xustiza.

Non hai chamadas con Moncloa nin Ferraz

En canto ás chamadas, non existen comunicacións con xornalistas nin con ninguén do Palacio da Moncloa ou Ferraz a noite do 13 de marzo, cando El Mundo publicou que o fiscal ofrecía un pacto ao letrado da parella de Ayuso, a partir dun correo enviado o día 12, cando logo demostrouse que era ao contrario. Tan só rexistra unha chamada dun xornalista ás 21:38 horas, que non atendeu, que é un dos que aquela noite publicou información

"Neste sentido, é preciso sinalar que, como se vai describir seguidamente, non existe ningunha chamada, nin intento de comunicación con este terminal do fiscal xeral do Estado, fóra desta, fóra do ámbito da Fiscalía durante toda a tarde/noite na que se desenvolven estes acontecementos, polo menos por este medio".

O informe recolle chamadas coa súa man dereita na secretaría técnica, Diego Villafañe, quen tamén está imputado na causa, o 11 de marzo, a véspera de que  ElDiario.es publique a denuncia contra González Amador, e coa fiscal superior de Madrid, Almudena Lastra, e a fiscal provincial de Madrid, Pilar Rodríguez, tanto o 13 como o 14 de marzo así como con Villafañe.

Por outra banda, o xuíz citou como testemuña o próximo día 21 ao decano do Colexio da Avogacía de Madrid (ICAM), Eugenio Ribón, quen se reuniu co fiscal xeral o 15 de marzo, nunha cita á que tamén asistiu a entón presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, Victoria Ortega, ademais de Pilar Rodríguez. 

O PP reclama de novo a dimisión do fiscal xeral: Quen nada teme nada borra

 O portavoz nacional do PP, Borja Sémper, volveu a reclamar a dimisión ou o cesamento de Álvaro García Ortiz."O fiscal xeral do Estado que entre outras responsabilidades importantes ten a persecución do delito, entorpece unha investigación xudicial, é unha cousa de aurora boreal e quen nada teme, nada borra", afirmou Sémper en rolda de prensa tras o Comité de Dirección do PP.

Segundo o PP o fiscal xeral debería dimitir e se non o fai o Goberno debería pedirlle a súa dimisión. Os populares volveron a denunciar que "todo apunta xa a unha conivencia absoluta" entre o Goberno e o fiscal xeral, ao que tachan de ministro número 23 de Pedro Sánchez.

A formación de Alberto Núñez Feijóo alertou do "dano" que fai á institución un fiscal xeral que "ten un dedo rápido para borrar as súas mensaxes de WhatsApp".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade