As patacas fritas de Bonilla terán presenza nos Óscars
Serviranse no aperitivo que ofrecerá DPA antes da cerimonia de entrega dos premios da industria cinematográfica

As patacas fritas da empresa galega Bonilla a la vista terán presenza nos premios Óscar, que se celebran este domingo, xa que formarán parte dos obsequios que a compañía DPA dará aos invitados á súa festa.
As patacas de Bonilla serviranse no aperitivo que ofrecerá DPA antes da cerimonia da industria cinematográfica, segundo confirmaron a EFE fontes coñecedoras do evento.
Na festa, a empresa galega compartirá protagonismo cunha trintena de marcas, desde produtos de beleza e roupa ata gastronomía.
A relación de Bonilla a la vista cos Óscars vén de atrás, pois unha lata de patacas apareceu en dúas escenas na cinta surcoreana Parasitos, que en 2020 recibiu catro figuras, incluída a de mellor película. Por mor deste cameo, a firma coruñesa duplicou a súa produción.
O que tamén axudou a aumentar a súa popularidade nos Estados Unidos foi a aparición da marca en televisión da man da presentadora e actriz Oprah Winfrey, que incluíu as patacas na lista das súas cousas favoritas que elabora desde 1990.
As patacas galegas apareceron, ademais, na relación dos 15 mellores produtos gastronómicos elaborada polo diario The New York Times.
Actualmente, Bonilla a la vista exporta a 23 países, entre os que se atopan Corea do Sur, Panamá, Taiwan, Canadá ou Australia, e produce unhas 400 toneladas de patacas fritas ao ano.