As tropas rebeldes toman Damasco, e Bashar al-Assad recibe asilo en Moscova
Os insurxentes controlan a capital doce días despois de iniciar unha ofensiva contra o Goberno sirio
Cascos brancos chegan á prisión de Sednaya para rescataren os detidos
O deposto presidente abandonou Siria tras manter negociacións coas milicias e ordenar una transición pacífica
Exteriores anuncia a saída dunha vintena de españois de Siria
Os insurxentes anunciaron a súa entrada en Damasco na madrugada deste domingo, doce días despois de iniciar unha ofensiva contra o Goberno de Bashar al-Assad.
Tras irromperen na televisión oficial, os rebeldes declararon a caída do "tirano" e a liberación da cidade e das persoas "oprimidas" nas "prisións do réxime".
"Coa graza de Deus, liberouse a cidade de Damasco, caeu o tirano Bashar al-Assad e liberáronse todos os oprimidos das prisións do réxime", proclamou un home non identificado, rodeado doutros oito vestidos de civís.
Neste primeiro comunicado da Sala de Operacións de Damasco, pedíronlle á cidadanía "preservar as propiedades do país sirio libre".
"Que Siria viva libre para todos os sirios en todos os seus segmentos", dixo no minuto de aparición.
Abu Mohammad al-Julani, considerado terrorista polos EUA e o Consello de Seguridade da ONU, encabezou co seu grupo islamista Organismo de Liberación do Levante a grande ofensiva en Siria que en tan só doce días chegou á capital do país.
"Oh, meus irmáns revolucionarios, rezade a Deus para agradecerlle a vitoria que nos deu a través dos vosos brazos", proclamou este domingo nun comunicado.
Cascos brancos chegan á prisión de Seidnaya para rescataren os detidos
A Defensa Civil siria, coñecida como cascos brancos, chegaron este luns á prisión de Seidnaya, que estaba xestionada polo Goberno sirio e era coñecida polo uso da tortura contra os miles de presos, para rescataren os detidos en "celas soterradas ocultas", segundo os sobreviventes.
Co control de cada cidade, o grupo foi abrindo as portas dos cárceres, onde se atopaban numerosos prisioneiros políticos, como foron denunciando durante anos organizacións de dereitos humanos, entre elas a de Seidnaya.
O xefe dos cascos brancos, Raed al-Saleh, dixo na súa conta oficial de X que xa abriron "varias zonas do interior da prisión, incluída a cociña e o forno", pero ata o de agora non atoparon "nada".
"Estamos a traballar con toda a nosa enerxía para alcanzar unha nova esperanza, e debemos estar preparados para o peor", aseverou.
A misión de expertos da ONU que desde 2011 investiga as violacións de dereitos humanos en Siria cualificou onte, domingo, a caída do réxime de Bashar al-Assad como "un histórico novo comezo para un pobo que sufriu 14 anos de atrocidades" e considerouna unha oportunidade para que se dea paso a unha era máis respectuosa cos dereitos humanos no país.
A nota celebra especialmente a liberación de prisioneiros que se produciu na prisión de Seidnaya, nos arredores de Damasco: "É unha imaxe que millóns de sirios non poderían imaxinar hai apenas uns días, e é importante que as autoridades actuais se aseguren de que as atrocidades alí non se repitan".
A prisión militar de Seidnaya está situada a 30 quilómetros ao norte de Damasco (Siria) e estaba xestionada pola Policía Militar.
Fíxose terriblemente famosa polo uso de tortura e forza excesiva tras un motín de detidos en 2008; no lugar podería haber entre 10.000 e 20.000 presos, de acordo con Amnistía Internacional.
Desde o comezo da crise en Siria en 2011, a prisión converteuse no destino tanto de opositores pacíficos ás autoridades como de militares sospeitosos de opoñerse ao réxime.
Asilo en Moscova
Tras a toma de Damasco, circulaban rumores sobre a posible derruba do avión no que viaxaba Al-Assad ou que se atoparía nunha nación africana. Porén, o deposto presidente recibiu asilo en Rusia, segundo informou unha fonte do Kremlin á axencia TASS.
"O presidente de Siria, Al-Assad, chegou xunto á súa familia a Moscova. Rusia, partindo de criterios de carácter humanitario, ofreceulle asilo", sinalou a fonte.
Engadiu: "Rusia sempre avogou pola procura dunha solución pacífica á crise siria".
"Partimos da necesidade de que se renoven as conversas baixo a tutela das Nacións Unidas", comentou.
Transición pacífica
Horas antes, o Ministerio de Exteriores de Rusia confirmaba nun comunicado que o presidente de Siria abandonara o país tras manter negociacións con varios participantes no conflito armado.
"Tras negociacións sostidas entre Bashar al-Assad e unha serie de participantes no conflito armado en Siria, este tomou a decisión de abandonar o seu mandato e o país e deu a indicación de levar a cabo unha transición pacífica do poder".
Segundo a diplomacia rusa, Moscova "non participou nestas negociacións", pero "está en contacto con todos os grupos da oposición siria".
"Dirixímonos a todas as partes implicadas co chamado de evitar o uso da violencia e solucionar todos os problemas do control do país por vías políticas", engadiu.
Rusia pediu respecto ás opinións de todas as forzas étnicas e confesionais da sociedade siria e apoiou o diálogo político inclusivo, baseado na resolución 2254 de Consello de Seguridade da ONU aprobada por unanimidade.
Neste contexto, indicou que están a tomar todas as medidas para garantir a seguridade dos seu cidadáns que se atopan en Siria.
Os talibáns felicitan os líderes islamitas de Siria polo derrocamento de Al-Assad
Os talibáns, que gobernan de facto Afganistán desde 2021, felicitaron este luns nun comunicado a dirección do islamista Organismo de Liberación do Levante (Hayat Tahrir al-Sham ou HTS en árabe), que liderou os insurxentes que tomaron Damasco este domingo.
O Ministerio de Relacións Exteriores talibán felicitou nun comunicado os rebeldes e o pobo de Siria en xeral e eloxiou a operación dos últimos días, "que resultou na eliminación do factor de conflito e da inestabilidade e na caída da capital Damasco baixo o liderado de HTS", detallaron no seu comunicado.
Os talibáns expresaron tamén esperanza en que as fases restantes da revolución se xestionen dunha maneira que asegure un sistema pacífico, unificado e estable.
Os fundamentalistas esperan que a transición en Siria estableza as bases para un Goberno islámico soberano, en liña coas aspiracións do pobo sirio.
De maneira máis específica, os talibáns afgáns esperan que os actores estranxeiros involucrados na guerra de Siria adopten políticas de "compromiso activo e cooperación" co novo liderado de Damasco.
Do mesmo xeito, o Ministerio de Asuntos Exteriores do Executivo de facto pediu que se promulgue unha amnistía xeral, despois de 13 anos marcados por unha cruenta guerra civil, e espera que se cren condicións para o "regreso de millóns de refuxiados" a Siria.
Segundo ACNUR, a guerra civil en Siria provocou sete millóns de desprazamentos internos e cinco millóns de refuxiados fóra do país.
Pola súa banda, o presidente do máximo órgano político da oposición siria no exilio, a Coalición Nacional Siria (CNFROS), asegurou que o Goberno de transición civil terá un carácter civil e non estará liderado pola alianza islamista Hayat Tahrir al-Sham.
Doce días de vertixe
— 27 de novembro
Unha coalición insurxente liderada polo Organismo de Liberación do Levante (herdeira da exfilial siria de Al Qaeda), apoiada por Turquía, inicia unha ofensiva contra o Goberno do presidente sirio.
Os islamistas logran cortar a estrada que conecta Alepo con Damasco e controlar outras arterias clave no norte do país.
A ofensiva prodúcese cando Turquía busca restablecer lazos diplomáticos con Siria, pero o presidente sirio pretende que Ankara retire antes as súas tropas de varias zonas do norte de Siria e deixe de apoiar grupos opositores.
Mentres, Rusia, o principal valedor do exército sirio, está centrada na guerra en Ucraína.
— 28 de novembro
Os rebeldes fanse co control da maior parte da provincia de Idlib, ao nordés do país, onde desde 2020 está en vigor un cesamento do fogo acordado por Turquía e Rusia.
A aviación rusa lanza ataques contra áreas controladas por faccións islamistas nos arredores de Alepo e Idlib.
— 29 de novembro
Os rebeldes logran entrar en cinco barrios do oeste da cidade de Alepo, no norte de Siria e a segunda urbe máis grande do país, despois de tres días de ofensiva contra as tropas regulares sirias.
— 30 de novembro
Alepo cae sen apenas resistencia. O Organismo de Liberación do Levante e faccións armadas apoiadas por Turquía afianzan o seu control en case toda a cidade e na provincia veciña de Idlib tras tomar a estratéxica cidade de Maarat al-Numan, desde 2020 en mans do exército sirio.
Logo, fanse con Khan Shaikhun, lindeiro coa demarcación administrativa de Hama, no centro-norte de Siria.
— 1 decembro
O Goberno de Damasco mobiliza a vía diplomática para obter apoio político a fin de deter a ofensiva rebelde, mentres as faccións islamistas asentan o seu dominio en Alepo, onde operan outros grupos armados, sobre todo kurdosirios, e proseguen a súa ofensiva rumbo a Hama.
— 2 decembro
A cifra de vítimas mortais supera as 500 tras seis días de ofensiva. O presidente de Irán, Masoud Pezeshkian, reafirma o seu apoio a Siria e ofrece "calquera axuda" a Damasco.
O exército sirio e os seus aliados rusos lanzan ataques aéreos contra grupos de insurxentes nos arredores de As-Safirah, ao sueste de Alepo.
— 3 decembro
O Ministerio de Defensa de Rusia anuncia manobras navais preto das costas de Siria, co emprego de armamento hipersónico de nova xeración.
Pola súa banda, as Forzas da Siria Democrática (FSD), alianza liderada por kurdos, anuncian que "pasaron a ser responsables" de sete aldeas no leste de Siria, antes controlados por forzas do Goberno sirio e milicias iranianas.
— 4 decembro
Os ministros de Exteriores de Rusia e Exipto, Sergei Lavrov e Badr Abdelaty, respectivamente, debaten o conflito en Siria.
— 5 decembro
Os insurxentes islamistas anuncian que dominaron "por completo" a cidade de Hama, no centro do país, unhas horas despois de que entrasen na cuarta urbe máis grande do país, sumando a súa estratéxica conquista á de Alepo.
— 6 decembro
A alianza insurxente continúa coa súa ofensiva cara á cidade de Homs, mentres o Exército sirio tenta resistir e repeler o avance para evitar que caia outra capital provincial.
O Mando de Operacións Militares da coalición rebelde logra controlar as poboacións de Tar Maela e Al-Ghantu, a moi poucos quilómetros ao norte da cidade de Homs.
— 7 decembro
Bashar al-Assad atópase cercado. Os grupos locais na provincia de Deraa, no sur do país, que linda con Xordania, logran controlar a capital rexional, berce das revoltas no 2011 enmarcadas na chamada Primavera Árabe.
Mentres, grupos drusos dominan a cidade de Al-Sueida, capital da provincia homónima ao leste de Deraa.
Os dous principais aliados do Goberno sirio, Irán e Rusia, e o maior apoio da oposición armada, Turquía, achegan posturas para pedir un cesamento de hostilidades e iniciar un diálogo que poña fin á guerra en Siria.
— 8 decembro
Al-Julani proclama a vitoria despois de que os insurxentes controlen Damasco.