As tropas ucraínas aséstanlle un golpe importante ao exército ruso
As tropas ucraínas aséstanlle un golpe importante ao exército ruso
Obrigan a tropas do Kremlin a retirarse da cidade estratéxica de Limán
É a segunda derrota salientable de Moscova en menos dun mes
Rusia apraza a chamada a filas pola saturación dos centros de recrutamento
As tropas ucraínas entraron este sábado na cidade de Limán, na rexión de Donetsk, ocupada polos rusos desde maio. Rusia admite que retirou as súas tropas a posicións máis vantaxosas para evitar que os cercasen totalmente.
É a segunda derrota importante que sofren nun mes, tras teren que saír da rexión de Khárkiv o 8 de setembro.
Limán é un nó ferroviario que conduce aos bastións ucraínos en Donetsk e á zona prorrusa de Luhansk. De feito, Kíiv anunciou que desde alí emprenderán o proceso de desocupación de Luhansk.
Zelenski eloxiou a contraofensiva do seu exército, que non se detén a pesar de que Rusia dea por súas as rexións que ocupa total ou parcialmente no leste e no sur do país.
Entrada na OTAN
A comunidade internacional rexeitou as anexións ilegais e, tras o anuncio de Moscova, Ucraína urxiu a súa entrada na OTAN, unha das liñas vermellas do Kremlin.
Na Alianza contestáronlle que agora están centrados en ofrecerlle axuda para defenderse e que entrar na Alianza Atlántica é unha decisión que require consenso.
Analistas internacionais consideran que a guerra pasa por un dos seus momentos máis delicados e non ven un final rápido.
Vítimas civís
Mentres, a cifra de vítimas civís non deixa de medrar. Ao ataque deste venres a un convoi en Zaporijia, que causou máis de 30 falecementos, sumouse outro similar na rexión de Khárkiv, con máis dunha vintena de vítimas mortais. En ámbolos casos hai nenos, mulleres e anciáns entre as vítimas.