Ascenden a 16 as mortes de menores por estreptococo A no Reino Unido
Ascenden a 16 as mortes de menores por estreptococo A no Reino Unido
O ministro de Sanidade asegura que o abastecemento de antibióticos "non é unha preocupación" nestes momentos
O alumno dun colexio de secundaria do condado inglés de Sussex (ao sur do país) faleceu tras contraer unha infección por estreptococo A, polo que ascende a dezaseis o número de menores mortos por esta causa no Reino Unido.
A doutora Rachael Hornigold, da Axencia de Seguridade Sanitaria Británica (UKHSA) South East, asegura que as infeccións por estas bacterias normalmente ocasionan dor de garganta, febre escarlata e sarabullo na pel, e contáxianse por contacto físico, pingas de esbirro ou tose".
"En casos moi raros, a infección vólvese invasiva e entra en partes do corpo onde normalmente non hai bacterias, o que pode ser grave", alerta a experta.
Segundo as autoridades sanitarias, non se detectaron novas variantes e o incremento de casos respecto a outros anos débese ao aumento das interaccións sociais, tras longas tempadas de illamento durante a pandemia da covid-19.
Escaseza de antibióticos
A Asociación Nacional de Farmacias do Reino Unido alertou esta semana de que se están a producir "interrupcións" na cadea de subministracións de penicilina.
Mentres, a Asociación de Farmacias Múltiples Independentes asegura ter detectado problemas de abastecemento con varios antibióticos nalgúns establecementos.
O ministro de Sanidade, Steve Barclay, negou esta semana que haxa escaseza e asegurou que a subministración de medicinas "non é unha preocupación agora".