Morre na Arxentina Liam Payne, exintegrante de One Direction
Morre na Arxentina Liam Payne, exintegrante de One Direction
O músico británico caeu desde o terceiro andar dun hotel por causas que se descoñecen
A policía recibira pouco antes un aviso advertindo da presenza dun home "agresivo que podería estar baixo os efectos das drogas ou o alcol"
Liam Payne, exintegrante da banda británica One Direction, morreu este mércores en Bos Aires ao caer desde o terceiro piso dun hotel. Segundo confirmaron a EFE fontes oficiais, o artista puido guindarse desde o balcón do seu cuarto, situado no barrio de Palermo.
Segundo un comunicado difundido por un portavoz do Ministerio de Seguridade da Cidade de Bos Aires, á tarde, "persoal da Comisaria foi desprazado ao hotel Casa Sur tras un chamado ao 911 en que se informaba dun home agresivo que podería estar baixo efectos de drogas ou alcol". O portavoz non confirmou que o home en cuestión fose Payne.
Cando chegou a policía ao hotel, o encargado indicou que sentiu un forte ruído no patio interno traseiro do establecemento.
Os servizos de emerxencia constataron que o músico "lamentablemente presentaba lesións incompatibles coa vida debido á súa caída", polo que "non houbo posibilidade de reanimación". A Fiscalía Criminal fíxose cargo do caso.
A noticia causou conmoción entre os seus seguidores, que se achegaron ata o hotel onde se hospedaba nada máis coñeceren a noticia.
O cantante subira recentemente no seu perfil da rede social Snapchat vídeos seus durante un concerto en Bos Aires o pasado 2 de outubro, do seu amigo e excompañeiro en One Direction Niall Horan e outro bailando coa súa moza e ensaiando a coreografía da canción "La Macarena".
"Non podo esperar a cantar contigo unha das túas cancións. Síntome xenial", dixo Payne noutra mensaxe, xa de regreso desde o concerto do seu amigo.