Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atacan con mísiles dous barcos fronte ás costas do Iemen

Atacan con mísiles dous barcos fronte ás costas do Iemen

Desde o pasado 19 de novembro os hutís din que lanzaron máis de 200 drons e de 50 mísiles contra embarcacións comerciais e buques de guerra occidentais

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 26/01/2024 21:24

A Mariña británica informou este venres de dous novos ataques contra barcos que navegaban polo golfo de Adén, fronte ás costas do Iemen.

Unha das embarcacións ardeu polo impacto de varios proxectís. O outro buque non rexistrou danos.

A entidade da Mariña británica Operacións Marítimas Comerciais (UKMTO) dixo nunha primeira alerta que foi notificado un ataque a unhas 60 millas náuticas ao sur de Adén.

"O capitán informa de que dous mísiles explotaron na auga a certa distancia da á de babor e que o barco e a tripulación están a salvo e non se reportaron danos. O buque diríxese ao seu próximo porto de escala", engadiu na alerta.

Na segunda alerta, a entidade informou de que outro barco que horas despois navegada pola mesma zona foi alcanzado por varios proxectís. Os mísiles orixinaron un incendio a bordo que requiriu labores de extinción, sen especificar se se produciron danos persoais.

Así mesmo, pediu aos buques que transitan por esa vía que o fagan con precaución e que informen á UKMTO de "calquera actividade sospeitosa".

As forzas da coalición están a responder ao ataque atribuído aos rebeldes xiítas hutís do Iemen, que desde mediados de novembro iniciaron unha ofensiva contra os barcos que cruzan o mar Vermello como represalia pola guerra de Israel contra o grupo islamita Hamas na Franxa de Gaza, segundo a Mariña británica.

Os hutís, apoiados por Irán, afirmaron este xoves que desde o pasado 19 de novembro lanzaron máis de 200 drons e de 50 mísiles contra embarcacións comerciais e buques de guerra occidentais no mar Vermello co obxectivo de danar economicamente a Israel e en apoio aos palestinos da Franxa de Gaza.

A tensión na zona fixo que as principais navieiras a nivel mundial continúen axustando as súas rutas para evitar transitar por esta vía marítima, por onde transita o 8 % do comercio mundial de cereais, o 12 % do comercio de petróleo e o 8 % do comercio mundial de gas natural licuado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade