Aumentan os trastornos alimentarios entre poboación cada vez máis nova
Aumentan os trastornos alimentarios entre poboación cada vez máis nova
A maior incidencia dáse entre adolescentes de 12 e os 18 anos, pero hai casos por baixo dos oito
Aconsellan ás familias atender sinais de alarma como cambios de peso, de dieta ou de conduta
Os problemas de saúde mental aumentaron a partir da pandemia. Tamén os alimentarios. E cada vez aparecen a idades máis temperás. A maior incidencia dáse entre adolescentes, pero os especialistas falan de casos de nenas e nenos de oito ou mesmo de 6 anos.
"Nos casos que vemos nós, a gran maioría das rapazas teñen un problema previo de 'bullying', de comentarios polo físico. E, por suposto, a presión social por unha imaxe corporal determinada. Ao final, a comida convértese nun recurso de control ou de calma", explica Uxía Domínguez, psicóloga especializada en trastornos da conduta alimentaria.
A maioría dos casos de anorexia nerviosa ou bulimia afectan a nenas. Nos trastornos por enchentes están máis igualados homes e mulleres.
Os profesionais sinalan que aínda é unha patoloxía moi descoñecida, que implica traballar coa paciente e coa familia.
"A única unidade que hai agora mesmo de hospitalización completa está no hospital de Santiago, e fai falla dotar de máis recursos, tamén de especialización na formación. É importante sensibilizar os profesionais deste tipo de trastornos porque hai moito descoñecemento dentro do sector sanitario", advirte.
Dentro dos fogares, aconsella atender sinais de alarma como cambios radicais de dietas e de peso e tamén alteracións da conduta.