Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os psicólogos demandan que a asistencia emocional en emerxencias sexa un dereito

Os psicólogos demandan que a asistencia emocional en emerxencias sexa un dereito

Instan as comunidades autónomas a homologar os convenios cos colexios profesionais para lograr unha atención especializada e con continuidade no tempo

O I Congreso Nacional de Psicoloxía en Emerxencias reúne en Santiago máis de 400 especialistas

G24.gal 03/05/2024 14:39

Atentados, incendios, inundacións ou accidentes requiren non só da actuación rápida dos servizos sanitarios e de emerxencias, senón tamén -moitas veces- dunha intervención psicolóxica acertada. Diso falan desde hoxe en Santiago catrocentos psicólogos especialistas neste terreo, co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas nos momentos críticos. Outros cen psicólogos únense ao encontro desde diversos lugares do mundo a través do streaming. 

Celébrase o I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias e abórdase toda a problemática que rodea a atención emocional, no caso de accidentes e catástrofes, que cada vez se demostra máis importante.  

Podemos pensar en accidentes de transporte ou inundacións, pero tamén en casos de violencia machista ou tentativas de suicidio. Situacións de grande impacto emocional como ver arder a propia casa, ou tan abruptas como ser vítima dun grave accidente ou dunha agresión poden deixar unha pegada na saúde psicolóxica

"Coa cantidade de sucesos e emerxencias ordinarias e extraordinarias que hai practicamente cada día, vemos que a intervención do profesional de psicoloxía é fundamental", dixo Javier Torres, o coordinador da Área de Intervención Psicolóxica en Emerxencias do Consello Xeral de Psicoloxía de España.

No congreso que se desenvolve ata o sábado en Santiago, máis de 400 profesionais demandan ademais que as emerxencias se aborden con psicólogos especializados que deben estar insertos en todos os equipos de intervención.

"En Galicia levamos formándonos desde que se creou o primeiro grupo no ano 1997, e é fundamental esa formación. Non vale coa boa disposición do persoal voluntario. Mesmo nós, os psicólogos, as primeiras veces que intervimos, debemos ir acompañados doutros psicólogos con experiencia no terreo das emerxencias", explicou Rosa Álvarez Prada, a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía e Galicia. 

Reclaman que esa atención profesional sexa un dereito dos cidadáns, pero tamén que teñan continuidade no tempo e na rede de asistencia pública, para evitar que a situación se enquiste e se vaia cronificando e que esas persoas, ao non ser tratadas,  entren nun percorrido longo de tratamento farmacolóxico.

"Se queremos unha sociedade sa, teremos unha sociedade sa. Se queremos unha sociedade dependente de psicofármacos por non actuar ben, tamén a teremos", advertiu Rosa Álvarez Prada, para remarcar a importancia dunha atención axeitada das vítimas de sucesos traumáticos.

Explican que hoxe son os colexios de psicólogos os que se fan cargo desta asistencia. E desde Santiago reclaman unificación de criterios entre comunidades para que esa atención en momentos difíciles sexa un dereito dos cidadáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade