Auxe das pezas feitas polas costureiras e interese por aprender a coser
Un oficio tradicional que semellaba esquecido volve estar en auxe
A xente busca pezas únicas e feitas á medida
As puntadas perviven no tempo e tamén o oficio que hai tras elas. O das costureiras semellaba un oficio esquecido pero agora retoma o seu auxe. Valórase máis o traballo artesán fronte ás pezas industriais e tamén ter artigos feitos á forma e medida de cada quen.
"Agora mesmo danlle máis importancia ás costureiras e valórase máis o seu traballo. A xente decántase por artigos personalizados buscando a exclusividade", explica a costureira Verónica Vázquez.
Verónica dá ademais clases de costura porque cada vez hai máis interese por aprender e facelo un mesmo. Esta tendencia nótana tamén nas tendas de teas.
"A tendencia é aprender costura para facer a túa propia roupa. Aquí en Lugo pasamos de non ter academias de costura a ter varias e si que se nota que a xente está aprendendo", conta María Belén Cabarcos, xerente da tenda Todo Telas.
A costura achega pezas únicas e personalizadas e permite tamén reciclar e alongar a vida de roupa que xa temos.
"A costura está en aumento porque a xente ten máis tempo libre e está aprendendo a coser. A min gústame máis coser en inverno que en verán porque a roupa gorda é máis fácil de coser que a fina".
"A min coas teas e cos fíos gústame facer de todo, dende bordar a encaixe que despois podes aplicar a prendas".
En plena revolución da costura toca armarse para a ocasión e poñerse mans á obra.