Un senegalés triunfa en Ourense co seu taller de costura
Oussenyou Gueye cumpriu o seu soño logo de traballar noutros sectores
Aprendeu o oficio do seu pai e deseña roupa africana
Oussenyou Gueye chegou a España pasados os 40 anos. Traballou na construción e a gandería, pero sempre tivo claro que quería dedicarse á costura. Agora, pasados os 50, cumpriu o seu soño e rexenta este taller no centro de Ourense. Foi no Senegal onde aprendeu o oficio, pero tivo que agardar máis dunha década para retomalo. As cousas vanlle ben e ten unha clientela variada.
Cando abriu o taller, os clientes sorprendíanse de ver un inmigrante africano detrás da máquina de coser e mesmo lle preguntaban pola xefa. As cousas cambiaron e xa case ninguén se sorprende de ver as súas habilidades coa máquina e as pezas que elabora con tecidos africanos.
Oussenyou ten muller e fillos no Senegal, pero non pensa en traelos a Galicia senón que o seu obxectivo é chegar a xubilarse para pasar o retiro no seu país natal logo de cumprir o seu soño.