O paso da fronte deixa na madrugada ventos de máis de 110 Km/h e chuvias de 50 l/m2
O paso da fronte deixa na madrugada ventos de máis de 110 Km/h e chuvias de 50 l/m2
Os ceos estarán cubertos con precipitacións intermitentes este domingo
Segue activo o aviso laranxa no litoral por ondas de ata sete metros e vento
As provincias de Pontevedra e Ourense estarán en alerta amarela a mañá do domingo
O paso dunha nova fronte durante a madrugada do domingo deixou chuvieiras intensas en boa parte do país. Houbo refachos de vento que superaron os 110 Km/h en Oia e precipitacións de 50 l/m2 en Poio ou en Pontecaldelas.
Agora este domingo Galicia terá ceos cubertos e as chuvias serán intermitentes, que remitirán cara á noite
Un sábado con temporal e ventos afuracanados dálle paso a unha xornada de domingo algo más estable. Continuarán iso si os refachos de vento fortes nas zonas altas e tamén no litoral.
Para o domingo segue activo o nivel de aviso laranxa no mar por ondas de ata 7 metros e con ventos do oeste con intervalos de forza 7.
Xa este sábado os refachos de vento acadaron os 145 quilómetros por hora en Viveiro e os 133 en Cedeira. Ante esta situación as autoridades insisten en extremar as precaucións á beira do mar, nos paseos marítimos, praias ou diques.
O vento causou boa parte das incidencias rexistradas este sábado: cortes de luz na zona de Redondela e tamén en estradas secundarias que foi preciso despexar debido á caída de pólas.
En canto ás chuvias os valores máis altos rexistráronse en Rois, con 78 litros por metro cadrado e en Lousame, con 73. A auga provocou asolagamentos puntuais, enxurradas e anegamentos nas beiras dos ríos.
Unha estampa que pode volver producirse nas primeiras horas do domingo. As provincias de Pontevedra e Ourense teñen activo un aviso amarelo por chuvia e refachos de vento nas primeiras horas do domingo.