Aviso vermello na costa coruñesa e alertas activadas ante a preamar
Aviso vermello na costa coruñesa e alertas activadas ante a preamar
Os bombeiros da Coruña manterán un operativo esta noite no Orzán
O temporal mantén amarrada ata o xoves a frota pesqueira de Cedeira
O espectáculo do mar embravecido é digno de ver e poucos se resisten a admiralo e retratalo malia o forte vento en contra.
Afastarse de diques e rompentes é a primeira recomendación. A Coruña é un dos portos onde o paseo marítimo e os accesos a praias e rochedos se acordoaron para evitar tentacións. Pero sempre hai alguén que fai caso omiso malia os fortes refachos de vento. No dique coruñés superaron os 103 km/h.
José Villar, sarxento dos bombeiros da Coruña, cóntanos que manteñen eses espazos pechados en previsión.
"En previsión de que salten as ondas ao paseo e que non pillen a ninguén por alí paseando, fisgando, evitar accidentes"
O temporal mantén ata a madrugada o aviso vermello por ventos e ondas na costa coruñesa de Muros á Estaca de Bares. Os servizos de emerxencias están en alerta máxima cara á preamar da medianoite. Unha dotación de bombeiros vixiará no Orzán.
"Polo menos durante a preamar, que é ás doce e media aproximadamente, estaremos aló, un pouco antes da punta, mantendo o preventivo", conta o xefe de quenda dos bombeiros.
A frota pesqueira de Cedeira permanecerá amarrada previsiblemente ata o xoves non tanto polas ondas, que chegan a superar os oito metros, senón polo vento de forza 8 que en Punta Candieira superou os 117 km por hora. En Viveiro pasaron dos 128 e en Burela e Malpica dos cen. Hai tempo que non lembraban un temporal así.
O aviso vermello desactivarase de madrugada e pasará a ser laranxa en todo o litoral galego.