Berdomás aproveita o abandono de Senra para gañar o Rally do Berberecho
O dumbriés deixou a proba no cuarto treito despois de sufrir unha avaría no segundo que o deixou fóra da pelexa
Alberto Meira, cun minuto de penalización, acabou no segundo posto a 1:19
Daniel Berdomás impúxose no Rally Berberecho de Noia e gañou a súa primeira proba nesta edición do Campionato Galego. Víctor Senra, que gañara as anteriores probas, decidiu abandonar no cuarto treito ao non ter posibilidades de entrar no podio despois de perder moito tempo no segundo treito cronometrado. No segundo chanzo do podio rematou Alberto Meira, cunha penalización dun minuto e que rematou a 1:19 de Berdomás. Completou o caixón Iago Caamaño, a 2:42.
Berdomás avisou das súas intencións gañando o primeiro treito, cunha décima de vantaxe sobre Senra. No segundo treito volveu a impoñerse Dani Berdomás. Senra, cun problema mecánico, acabou a quince minutos dilapidando todas as súas opcións de loitar polo Rally. O de dumbría saiu con carraxe no terceiro treito e logrou o triunfo pero vendo que quedara sen posibilidades de pelexar pola proba decidiu abandonar no cuarto.
A loita quedou nun man a man entre Berdomás e Meira que decantou o primeiro ao seu favor. Os dous fóronse alternando marcando o "scratch" ata o final da proba pero a penalización a Meira acabou por decidir o gañador con certa vantaxe.