O Mecalia Guardés remonta no último minuto contra o Málaga e asegura o 1º posto da Liga regular
O 23-22 asegura para as guardesas o billete europeo antes de afrontaren o play off
O Porriño sumou a segunda vitoria consecutiva en Elda (29-34), e aséntase no cuarto posto
Na vixésimo terceira xornada da Liga Guerreiras, duelo no alto da táboa. O Mecalia Atlético Guardés gañoulle 23-22 ao segundo, o Málaga, con Elena Amores como máxima goleadora do partido, con seis tantos.
O Mecalia comezou por diante, pero ao descanso chegouse con igualdade no marcador: 11-11. E no segundo tempo o equipo malagueño despegouse e a cinco minutos do final ía dous arriba.
Decidiu o acerto local, nunha secuencia final para o recordo. Elena Amores anotou os dous goles que igualaban o partido. E, a vinte segundo para o remate, África Sempere culminaba a remonta co 23-22 definitivo, que asegura ese campionato regular e o billete europeo para as guardesas, grandes favoritas no play off polo título.
Pola súa banda, o Conservas Orbe Zendal Porriño culminou unha gran semana, que comezaba coa clasificación para a final europea, e seguiu con dous triunfos na Liga. Onte venceu en Elda, o que lle permite colocarse no cuarto posto en solitario con 30 puntos, dous máis co Granollers e o Rocasa Gran Canaria.
As de Isma Martínez tardaron en meterse no choque, que comezou gañando o equipo alacantino por 4-0. Pero axiña reaccionaron, igualando a 5 logo de dez minutos. Despois de adiantarse no marcador, o Elda mantívose no choque ata ben entrado na segunda metade, cando se colocaron 20 a 22. A partir de aí, e comandadas por Mica Casasola, que rematou o encontro con 9 goles, as porriñesas sentenciaron, gañando por 29 a 34. Escoltaron á arxentina na anotación Paulina Buforn e Malena Valles, con 6 tantos. Sarai Samartín meteu 5.