Publicador de contidos

Publicador de contidos

O tridente do Barcelona exhíbese para encamiñar o pase ás semifinais (4-0)

O tridente do Barcelona exhíbese para encamiñar o pase ás semifinais (4-0)

Raphinha, Lewandowski -2- e Yamal marcaron os goles do equipo español diante do Borussia de Dortmund

G24.gal 09/04/2025 22:17 Última actualización 09/04/2025 22:45

O Barcelona queda moi preto das semifinais da Liga de Campións despois de gañarlle por 4-0 ao Borussia de Dortmund e demostrando unha gran superioridade. Raphinha e Lewandowski -2- e Yamal marcaron os goles do equipo de Hansi Flick. 

O Barcelona saíu moi forte no partido e gozou de tres ocasións claras nos primeiros sete minutos con Lamine Yamal como protagonista. Non abriu o marcador ata o minuto 25 cando Raphinha empurrou na liña de gol un remate de Cubarsí. O brasileiro, máximo goleador da Champions, marcou nunha posición moi axustada. O Dortmund mellorou no treito final dese primeiro tempo pero non materializou ningunha das súas oportunidades. 

Nada máis comezar o segundo tempo Lewandowski marcou o segundo aproveitando unha deixada de cabeza do propio Raphinha. O Barça seguiu marcando un forte ritmo á procura do terceiro e Fermín rozouno cun remate que petou contra o poste. O terceiro era cuestión de tempo e atinou Lewandowski noutra xogada rápida de contragolpe con centro de Fermín e remate do polaco. 

Co Dortmund botado arriba o Barcelona atopaba espazos para correr á contra. No 77 Lamine Yamal culminou o seu gran partido cun remate cruzado para poñer o 4-0. O Dortmund tería unha última oportunidade e marcou un gol pero o colexiado anulouno por posición de fóra de xogo. 

Nunha semana tocará afrontar a volta en Alemaña pero o Barcelona ten pé e medio nas semifinais da Liga de Campións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade