O Utrecht exerce a opción de compra sobre o redondelán Miguel Rodríguez
O Celta mantén o 50% do pase dun xogador que seguirá na Eredivisie ata 2028

O redondelán Miguel Rodríguez seguirá ata o ano 2028 no Utrecht neerlandés que exerceu a opción de compra que tiña sobre o canteirán do Celta. Miguel, cedido o pasado mes de agosto, tardou en adaptarse ao novo equipo e á nova competición pero o seu rendemento foi subindo conforme pasaban as xornadas. En 21 partidos oficiais que xogou co Utrecht marcou 7 goles e deu 4 asistencias. É un pesadelo constante para todos os laterais da Eredivisie e a confianza que ten nel o corpo técnico é total.
🎙️ Miguel Rodríguez & Yoann Cathline aan het woord! ⤵️
— FC Utrecht (@fcutrecht) April 15, 2025
Miguel está a piques de meterse co seu equipo na vindeira edición da Europa League, outro motivo para seguir no Utrecht. Formado en todas as categorías inferiores do Celta, foi coñecido desde infantís cando marcara 100 goles nunha temporada. Debutou co primeiro equipo con só 17 anos e desde 2021 era indiscutible no filial. A falta de sitio no primeiro equipo provocou a toma dunha arriscada decisión que, co paso do tempo, quedou demostrado que foi a elección correcta. O cadro vigués mantén o 50% dos seus dereitos para un posible traspaso futuro ou unha recompra de todo o pase no caso de que chegue a un acordo para volver a Vigo.