O Conservas Orbe Zendal Porriño métese ao grande na final da European Cup de balonmán
As galegas venceron tamén no partido de volta por 27-30, rematando a eliminatoria contra o Hazena checo con 6 goles de vantaxe
O Porriño disputará a final no mes de maio
O Conservas Orbe Zendal Porriño clasificouse, por primeira vez, para a final da European Cup de balonmán. Era a súa primeira participación europea, e as de Isma Martínez están a brillar en cada eliminatoria. Na semifinal deron boa conta das checas do Hazena, gañando tanto na ida como na volta por 3 goles, desta volta 27-30.
O Porriño non especulou coa súa vantaxe, e axiña colleu a iniciativa no marcador con dous lanzamentos de 7 metros de Mica Casasola. Fátima Ayelen Rosalez axudaba detendo un penalti das locais, e o equipo galego disparábase 1 a 4, que ampliaba a renda a sete goles. Pero a cousa non quedou aí. Varias paradas máis de Fátima facían que a renda non deixase de medrar, cun 3-9 mediado o primeiro tempo que achegaba moito esa desexada final, e cun 4-10 pouco despois que obrigaba a un novo tempo morto.
Fátima era un muro infranqueable para as checas, que so podían marcar á contra para entrar no treito final da primeira parte cunha bagaxe de so 5 goles no marcador. Chegou entón unha tímida reacción local, que obrigaba a Isma Martínez a parar o partido cun 7-11 que aínda reflectía a enorme superioridade galega. Nese treito final, as checas conseguiron manter o ritmo anotador, colocándose 11 a 13. Pero o Porriño non se veu abaixo e, cun gol de Zukova, marchaba aos vestiarios cun 12-15 que elevaba a renda da eliminatoria aos 6 goles.
A segunda metade comezaba cun 0-3 que volvía disparar o equipo galego no partido, cun 12-18 que arrefriaba o ímpeto local. Pero foron dúas exclusións, que deixaban ao Porriño con dúas menos, as que lle devolveron a emoción ao choque. Cun parcial de 3-0, o Hazena obrigaba ao tempo morto.
Entrouse entón nuns minutos de intercambio de goles. O Porriño aguantaba vantaxes de entre dous e tres goles, pero seguía a sufrir exclusións que mantiñan na pelexa ás checas. Entramos no treito final e Paulina Buforn anotaba o 24-28 que deixaba practicamente clasificado ao Porriño para a gran final. Rematou o encontro co resultado de 27-30 e desatouse a tolemia na pista. Na súa primeira participación europea, o Porriño vai estar na gran final, que será aló polo mes de maio.