Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Conservas Orbe Zendal Porriño colle vantaxe na semifinal da European Cup (31-28)

O Conservas Orbe Zendal Porriño colle vantaxe na semifinal da European Cup (31-28)

O partido contra o Hazena foi moi igualado, pero resolvérona as galegas nos últimos cinco minutos con eses tres goles de renda

Malena Valles comandou a anotación con 9 tantos

G24.gal 23/03/2025 20:49

O Conservas Orbe Zendal Porriño cumpriu co seu papel de local, e colleu vantaxe no partido de ida das semifinais da European Cup contra o Hazena. E todo, malia a que o partido foi moi igualado durante 55 minutos, ata que as galegas desequilibraron ao seu favor. 

O Porriño tardou case dous minutos en abrir o marcador, e fíxoo desde os 7 metros. Quedaba xa clara a dureza do choque, cun equipo checo que mantivo o ritmo anotador en todo momento. De feito, equilibrou o marcador, e acadou unha renda de ata tres goles durante a primeira metade.

Tiveron que volver os de Isma Martínez e, comandados por unha Malena Valles espectacular, foron equilibrando a contenda, ata chegar ao empate a 13 no treito final da primeira metade. Pero, logo dun tempo morto, as visitantes anotaban os dous últimos tantos para marchar con vantaxe ao descanso.

O Porriño seguiu co mono de traballo na segunda metade, e outra vez foi quen de recuperar a iniciativa no marcador. Outro gol de Malena Valles desde os sete metros establecía o 21-20. A partir de aí, mantívose a vantaxe mínima ata a lesión de Tesarova, que parece grave no xeonllo, e que obrigou a parar o encontro uns minutos. O resultado era nese momento de 24-23 e, logo de que Zhukova fixese o 26-24, as checas volveron reaccionar para empatar a 26, con 6 minutos por xogar.

Foi entón, no momento decisivo, cando o Porriño fixo valer o factor pista. Con tres goles consecutivos, de Zhukova, Aitana Santomé e Malena Valles (o seu noveno gol no partido), abría unha boa fenda. Descontaban as checas, pero Maider Barros e Zhukova aseguraron o triunfo final por tres tantos, 31 a 28. Vantaxe para o partido de volta, dentro dunha semana en terras checas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade