O Porriño prepárase para o asalto á final da EHF European Cup
Xogará este domingo como local (19:00 G2 e Agalega.gal) o primeiro partido da semifinal diante do Hazena Kynzvart checo
Comezou a conta atrás para o Conservas Orbe Rubensa Porriño. Despois de adiantar o seu partido da Liga Guerreras Iberdrola que debía disputar esta semana toda a atención do cadro porriñés está no partido de ida da semifinal da EHF European Cup diante do Hazena Kynzvart da República Checa. O encontro xogarase o vindeiro domingo ás 19:00 horas e será retransmitido pola G2 e Agalega.gal.
As porriñesas levan unha brillante traxectoria na competición continental na que gañaron sete dos oito partidos disputados, e que perderon diante do Bursa turco foi porque se deixaron ir cando xa tiñan garantido o pase na eliminatoria. Despois de eliminar o Sudtirol (Italia), o Bursa (Turquía), o Atzgersdorf (Austria) e o Ionias (Grecia) tócalle xogar contra o equipo checo do Kynzvart.
As súas rivais superaron con comodidade as dúas primeiras eliminatorias pero na terceira sufriron moito para derrotar o Madeira portugués (61-60 no global dos dous partidos) un equipo do que o Porriño ten referencia do seu nivel. Nos cuartos de final derrotaron o Haukar islandés ao que lle gañaron como locais por 35-24 e aguantaron na volta, en que perderon por 27-22.