Unha suposta manipulación da Federación Española deixou a Balaídos fóra do Mundial 2030
Unha información publicada polo xornal El Mundo apunta que as puntuacións terían sido modificadas en beneficio do estadio de Anoeta
A Federación Galega de Fútbol (FGF) eludiu pronunciarse sobre a información publicada este luns porque non é a súa “competencia”

Unha información publicada polo xornal El Mundo, da que se fan eco varios medios, apunta que o estadio vigués de Balaídos quedou fóra do listado de sedes para o Mundial 2030 de fútbol por mor dunha manipulación das puntuacións por parte da Federación Española.
Segundo sinala, esa suposta manipulación fixo que o estadio de Anoeta, en Donostia, superase en puntuación a Balaídos, que baixou do posto 11 ao 12. O xornal asegura que a Federación confeccionou unha primeira versión que sí que incluía a Vigo, pero 48 horas despois modificou a listaxe.
Ocorreu nunha xuntanza en xuño de 2024 no despacho do executivo Fernando Sanz na Cidade de Fútbol das Rozas. Nela, os membros da candidatura conxunta de España, Portugal e Marrocos avaliaron todos os estadios españois aspirantes, que foron incluídos nun documento de Excel. Nese documento inicial o último clasificado era o estadio do Celta, cunha puntuación de 10,2004, mentres que Anoeta quedaba fóra, con 10,1226.
Porén, 48 horas despois pasou a ter 10,6026, superando a Vigo, logo de que fosen modificados á alza subfactores de baremación vinculados ao proxecto técnico. A información apunta ademais que un correo remitido por María Tato, integrante da Área Internacional da RFEF, ao entón vicepresidente do organismo Rafael Louzán, confirmaba que Vigo entraba no grupo, no posto número 11. Pero noutro correo posterior, o 28 de xuño, remitía a varios dirixentes federativos outro correo xa coa listaxe modificada.
Caballero pide explicacións
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este luns explicacións ao presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, sobre o "cambio de criterios" executado para a selección dos estadios que serán sede do Mundial de Fútbol 2030, que levará a cabo entre España, Marrocos e Portugal.
Nunha rolda de prensa convocada de urxencia, Caballero apuntou que foi un equipo técnico o que elixiu a Balaídos como sede pero, 48 horas despois (segundo publica El Mundo), cambiáronse os criterios: "Isto é gravísimo".
"Se cadra alguén quería deixar fóra a Vigo", subliñou o rexedor olívico, sen querer apuntar directamente a Louzán, aínda que pedíndolle explicacións porque "non parece que fose o equipo técnico" o que cambiou os criterios, segundo dixo.
Pola súa banda, o PP de Vigo pediu ao Concello e á Federación que leven a cabo un traballo "técnico, serio e contrastable" para aclarar o procedemento levado a cabo para a selección das sedes do Mundial 2030.
Nun audio difundido aos medios de comunicación, a presidenta do PP local, Luisa Sánchez, pediu ao goberno municipal que non se limite a unha posición de "comentarista, con declaracións altisonantes e paseillos en televisión", senón que abra unha vía de interlocución técnica para defender a candidatura de Vigo.
A Federación Galega de Fútbol (FGF), segundo a axencia Efe, eludiu pronunciarse sobre a información publicada este luns porque non é a súa “competencia”, mentres que Abel Caballero ten previsto dar unha rolda de prensa para dar o seu punto de vista.