O Porriño non pode co Bera Bera (24-26) e queda sen Final da Copa da Raíña
As de Isma Martínez mandaron na primeira metade, pero foron superadas no treito decisivo do partido
O Porriño caeu eliminado polo Bera Bera nas semifinais da Copa da Raíña, e deixa ao balonman galego sen representantes na final de mañá. Entrou mellor no partido o conxunto da Louriña, cun parcial de 3-0 con dous goles de Maider Barros e outro de Malena Vallés. Pero o Bera Bera respondeu cun 0-4 que adiantaba ás vascas. A semifinal ía de parciais, coas porriñesas collendo outra vez a iniciativa (8-4) grazas ao acerto de Sarai Sanmartín que meteu tres neste parcial.
O intercambio de goles mantívose ata o tempo de lecer, sempre co Porriño por diante (13-12) Nada máis iniciarse a segunda metade, Karsten empataba desde os 7 metros, dando lugar a unha igualdade que se mantivo 10 minutos. Foi aí cando as vascas asinaron un 0-4 que lles deu a iniciativa nun momento decisivo (16-19).
Pero o Porriño sempre reacciona, e Maider Barros asinaba o 19-20 que mantiña as opcións no partido. Foi entón, co Bera Bera mantendo a producción goleadora, cando apareceu Prades, a porteira das vascas, para facer un par de intervencións que resultaron decisivas. A falta de minuto e medio, Elba Álvarez establecía o 23-26 que decantaba definitivamente o choque. O 24-26 final remata co percorrido das porriñesas, e do balonmán galego, nesta Copa da Raíña 2025.
Maider Barros, que acabou con 6 goles igual que Carolina Bono, foi elixida a MVP do partido.