Derrota do Porriño ante o Málaga antes de loitar pola final europea
O Porriño céntrase na semifinal europea do sábado ante o Hazena Kyzvart checo
Un partido sen apenas preparar, un encontro mal situado no calendario entre os duelos da semifinal da European Cup. Un trámite ante o Málaga, segundo clasificado de División de Honra, e que suma títulos nos últimos anos.
A lóxica era caer e así foi (19-27). Iso si, ao Porriño non lle faltou boa imaxe porque aguantou ata o último cuarto de hora. Estaba a un tanto de distancia ata que a formación andaluza logrou romper o duelo.
Isma Martínez, adestrador do Porriño, optou por rotar ás súas xogadoras e dar minutos ás menos habituais. Mesmo, fóra de posición, porque Alicia Campo defendeu no centro ou a moza Aroa Fernández dispuxo de moitos minutos, do mesmo xeito que a extremo Lucía Lagoa ou Daniela Moreno.
O resto tiveron unha notable rotación para evitar o desgaste e algunha xogadora como a pivote Katia Zhukova, fundamental en defensa, estivo moito menos na pista do habitual.
No comezo da segunda metade chegou a poñerse de novo por diante o Porriño e aguantou a un tanto ata que quedaban quince minutos. Aí, o Málaga incrementou a eficacia e as locais xa careceron de resposta. Tras a xornada, poden baixar á quinta posición, aínda que iso pouco importa se o sábado o equipo louriñés clasifícase para a final europea.