Bo inicio e mal final do Leyma Coruña en Gran Canaria
Bo inicio e mal final do Leyma Coruña en Gran Canaria
O equipo coruñés comezou mandando no primeiro cuarto (12-19)
No resto do partido a superioridade local foi clara con vantaxes de ata 17 puntos
O Gran Canaria devolveu ao Leyma Coruña á realidade do que é a Liga ACB. Despois dunha semana nunha nube despois da vitoria diante do Real Madrid, o equipo coruñés caeu (80-72).
E iso que o comezo non puido ser mellor. Barrueta machacaba con oito puntos para que o cadro coruñés collese as primeiras vantaxe (8-16). Ao remate do cuarto a distancia era de sete puntos (12-19), un espellismo porque no inicio do segundo cuarto o Gran Canaria puxo as cousas claras cun parcial de 12-0.
O cadro local deulle a volta á situación e xa non soltaría o mando do encontro. Tivo unha máxima de oito antes do descanso ao que se chegou cun 38-31. No terceiro cuarto, dúas triplas permitíronlle ao Gran Canaria irse por riba dos dez puntos (49-36) e gozou dunha marxe de 16 (56-40).
O Leyma tivo tímidas reaccións pero non conseguiu baixar da barreira dos dez puntos ata os últimos dous minutos. A tres para o remate o marcador era de 73-60 e cando xa non parecía posible a remonta os de Epi acadaron un parcial de 2-10 (75-70) co que entraron no último minuto. Cinco puntos consecutivos de Shurna déronlle a tranquilidade e a vitoria ao cadro local (80-72).