Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bolaños asegura que non houbo ningunha trama rusa de apoio ao procés

Bolaños asegura que non houbo ningunha trama rusa de apoio ao procés

O ministro si que afirmou que houbo e hai "inxerencias"

O ministro compareceu na comisión mixta Congreso-Senado de Seguridade Nacional. Europa Press
G24.gal 28/11/2024 20:15

O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, recoñeceu este xoves que segue existindo un "ecosistema" desde Rusia que favorece as "inxerencias" deste país na Unión Europa e en concreto en España, como xa ocorreu durante o referendo do 1 de outubro, pero negou con rotundidade que se puidese falar dunha "trama rusa" en conexión con partidos cataláns.

"Imos dicir claramente o que non ocorreu: non houbo ningunha trama rusa en Cataluña no proceso independentista, non o houbo", sinalou Bolaños na súa primeira comparecencia na comisión sobre Seguridade Nacional.

Engadiu o ministro que todos os procedementos xudiciais sobre esta inxerencia rusa e a posible relación co independentismo "están pechados, excepto un", en referencia a unha causa reaberta en Barcelona polo xuíz Joaquín Aguirre, cuxa instrución foi moi cuestionada polos portavoces de Junts e EH Bildu. Sobre esta causa, de feito, lembrou que "se pediu o arquivo hai escasos días por parte do Ministerio Fiscal e, por tanto, veremos que decide a súa señoría, pero é un escenario posible que tamén se arquive".

O deputado do PP Rafael Hernando reprochoulle ao Goberno que "oculte as conexións" entre o independentismo catalán e a Rusia de Vladimir Putin. Junts e EH Bildu, pola súa banda, censuraron que se siga estendendo este "bulo" sobre conexións con participación do Govern do expresidente Carles Puigdemont.

Bolaños lembrou que tanto a Unión Europea como España seguen impulsando iniciativas contra Rusia e "continúa en todo momento investigando" posibles inxerencias de medios prorrusos ou de actores en redes sociais, sobre todo por mor do inicio do conflito bélico en Ucraína. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade