Brillante vitoria do Deportivo Abanca para afastarse do descenso
Paula Gutiérrez e Ainhoa Marín marcan no segundo tempo e permiten que o conxunto coruñés escale outro posto na clasificación
Brillante e vital foi o triunfo do Deportivo Abanca no campo do Betis. Un equipo ao que iguala en puntos na clasificación (15) e vai superar no caso de empate ao final da temporada por mellor diferenza de goles no goal average particular.
Un triunfo merecido, xusto e que ben puido ser máis amplo. Na primeira metade o equipo de Fran Alonso debeu levar algún gol ao descanso porque gozou de moitas e boas ocasións. Olaya, Samara e Ainhoa Marín estiveron moi preto do gol, pero os paus e o desacerto diante da portería local evitárono. Polo Betis, Rosa Marques estrelou un balón contra a escuadra.
Ao comezo do segundo tempo chegou o gol de Paula Gutiérrez a centro de Samara. E antes do minuto quince Ainhoa Marín aumentaba a vantaxe aproveitando unha contra. Co 0-2 o Deportivo Abanca xogou moi tranquilo e o Betis levou o dominio do coiro, pero apenas puido xerar oportunidades. De feito estivo máis preto o terceiro do equipo coruñés que o primeiro bético.