Bruxelas estudará flexibilizar as normas de déficit da UE para aumentar o gasto militar
Bruxelas estudará flexibilizar as normas de déficit da UE para aumentar o gasto militar
A proposta fíxoa a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen ao termo do cumio informal de líderes da UE
Sánchez defende fortalecer a relación cos EUA ao ser o aliado máis importante da UE
A presidenta da Comisión Europea (CE) Ursula von der Leyen anunciou este luns que estudará a posibilidade de flexibilizar as regras da Unión Europea (UE) sobre o control do déficit e a débeda públicos para permitir un aumento do gasto en defensa.
“Se se mira os orzamentos nacionais, están constrinxidos. Foron constrinxidos ata o de agora a través das novas regras do pacto de estabilidade e crecemento. Para tempos extraordinarios, é posible ter medidas extraordinarias tamén no pacto de estabilidade e crecemento, e creo que vivimos en tempos extraordinarios", indicou Von der Leyen ao termo dun cumio informal de líderes da UE.
Sánchez aposta por fortalecer a relación cos Estados Unidos
O presidente do Goberno español Pedro Sánchez recalcou ante o resto de líderes da Unión Europea que os Estados Unidos son o aliado máis importante de Europa e que España traballará para seguir fortalecendo a relación transatlántica.
Sánchez resaltou a relevancia da relación cos Estados Unidos na reunión informal que mantiveron os líderes da UE en Bruxelas, convocada para analizar o futuro da defensa comunitaria.
Con todo, ao ser o primeiro encontro dos xefes de Estado e de Goberno dos Vinte e sete tras o regreso de Donald Trump á Casa Branca, tamén abordaron a relación coa nova administración estadounidense.
Neste senso, Sánchez fixo fincapé ante o resto dos líderes que os Estados Unidos segue sendo o aliado máis importante de Europa e que o seu Goberno traballará para seguir fortalecendo a relación transatlántica desde a unidade europea.
A aposta do xefe do Executivo por fortalecer esa relación chega despois das primeiras decisións de Trump respecto á política arancelaria dos Estados Unidos e a súa afirmación de que impoñerá aranceis á Unión Europea.