Publicador de contidos
Publicador de contidos

Milleiros de persoas marchan de Santorini, en alerta polos sismos que sacoden as illas gregas

Milleiros de persoas marchan de Santorini, en alerta polos sismos que sacoden as illas gregas

Moitos veciños e turistas deciden marchar: os barcos cara a Atenas están cheos e a aeroliña grega Aegean anunciou que engadirá este luns e o martes tres voos extraordinarios

As escolas permanecen pechadas nas illas de Santorini e Amorgos, e Protección Civil enviou mensaxes para que a poboación extreme precaucións

Ringleiras nos transbordadores para abandonar Santorini (Reuters) Ringleiras nos transbordadores para abandonar Santorini (Reuters)
G24.gal 03/02/2025 17:07

Decenas de terremotos, de ata 4,9 de magnitude, seguen sacudindo este luns as illas gregas de Santorini e Amorgos, no arquipélago das Cícladas no mar Exeo, unha elevada actividade sísmica que comezou o pasado día 24 de xaneiro e puxo en alerta as autoridades.

Ata o momento máis de 3.000 persoas -residentes, traballadores e turistas- abandonaron a illa debido á elevada actividade sísmica

Ao 09.30 GMT rexistrouse a uns 23 quilómetros ao suroeste de Amorgos un tremor de magnitude 4,9, o maior rexistrado desde que arrincou esta actividade sísmica hai dez días, segundo informou o Instituto Xeodinámico de Atenas.

Dúas horas despois houbo outro terremoto de magnitude 4,6 ao norte desa illa.

As escolas permanecen pechadas nas illas de Santorini e Amorgos, así como nas próximas de  Ánafes, Paros e Antíparos, onde tamén senten os tremores.

Protección Civil enviou este luns unha mensaxe de alerta nos móbiles das persoas que se atopan en Santorini sinalando que existe un alto risco de corrementos, polo que se prohibe o acceso a certas praias e portos da illa.

Uns minutos despois, unha segunda mensaxe emitiuse aos móbiles dos residentes desta illa e dos de Ánafes e Amorgos, avisándoos dunha "actividade sísmica prolongada" e urxíndoos a "permanecer preparados" e "seguir as instrucións das autoridades".

O Goberno xa emitira o pasado sábado unha alerta de elevada actividade sísmica e pediu aos habitantes das zonas afectadas evitar reunirse en espazos pechados e achegarse a edificios abandonados.

Segundo o portal News247, algúns dos aldeáns, traballadores e tamén visitantes estranxeiros -Santorini é un dos lugares máis turísticos de Grecia- decidiron abandonar a illa.

Os transbordadores cara a Atenas están cheos e a aeroliña grega Aegean anunciou que engadirá este luns e o martes tres voos extraordinarios da illa cara á capital grega, debido á alta demanda.

Segundo o censo do 2021, Santorini ten 15.000 residentes, aínda que se estima que hai outros 10.000 habitantes fixos non rexistrados, e Amorgos uns 2.000, aos que habería que sumar os turistas, cuxo número é aínda escaso, debido a que aínda non chegou a tempada estival.

Ata o momento non se produciron danos, aínda que si algúns corrementosde terra e pedras na famosa caldeira da illa.

Nas últimas 48 horas rexistráronse máis de 200 sismos na zona marítima entre Santorini e Amorgos, 60 dos cales se produciron durante a noite do domingo ao luns, segundo a prensa local.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos