Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous mortos nun grande incendio forestal no sur de Grecia

Dous mortos nun grande incendio forestal no sur de Grecia

Os bombeiros atoparon carbonizados os cadáveres de dous homes que acudiran sufocar as lapas a unha localidade próxima

O lume declarouse na rexión de Corintia, e na súa extinción traballan uns 350 operarios

 

Un bombeiro tenta extinguir o grande incendio declarado na rexión de Corintia (Vassilis Psomas / Reuters) Un bombeiro tenta extinguir o grande incendio declarado na rexión de Corintia (Vassilis Psomas / Reuters)
G24.gal 30/09/2024 13:06 Última actualización 30/09/2024 13:19

A policía grega achou este luns os cadáveres carbonizados de dous homes fronte a un curral na rexión de Corintia, a uns 130 quilómetros ao oeste de Atenas, onde segue activo por segundo día consecutivo un grande incendio forestal.

Segundo a emisora pública ERT, as vítimas son dous homes do pobo de Ano Pitsá, de 35 e 40 anos, que na tarde do domingo decidiran acudir nas súas motocicletas a unha localidade contigua para axudar nas tarefas de extinción. Pouco despois, perdéronse os seus rastros.

O lume declarouse a véspera preto da vila de Rozena, na costa norte da península do Peloponeso (sur) e, expandiuse cara ao sur e o leste atizado por forte vento. A fronte supera os 30 quilómetros de lonxitude e obrigou a evacuar preventivamente seis vilas.

Na súa extinción traballan 350 bombeiros con 110 camións, 11 helicópteros e 7 avións cisterna.

Grecia sufriu este verán dúas ondas de calor extrema, con temperaturas que excederon nalgunhas rexións os 44 graos centígrados, o que, en combinación coas poucas precipitacións rexistradas, secou a vexetación, co cal aumentou o risco de incendios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade