Un monólito lembra os 13 falecidos hai un ano no incendio das discotecas de Murcia
Un monólito lembra os 13 falecidos hai un ano no incendio das discotecas de Murcia
De momento hai seis investigados entre os que están os responsables das dúas discotecas, que non tiñan a licenza de apertura en vigor
Hai un ano da traxedia que se viviu na zona de lecer das Atalayas, en Murcia. 13 persoas morreron no voraz incendio das discotecas Teatre e Fonda Milagros.
Hoxe é día de homenaxe ás vítimas. Na inauguración do monólito que lembra os seus nomes participaron os servizos de emerxencia que traballaron ese día, bombeiros, membros de Protección Civil, psicólogos e policías.
Recuperarse do suceso non está sendo doado. Valeria foi a última que puido saír con vida das discotecas. Tivo palabras para que a axudou "cando escoitou que eu gritaba pedindo axuda tivo a valentía de volverse. Veu por nós e salvounos. Non se vía nada. Non nos servían as lanternas do móbil. Nada".
Ela foi unha das que se concentrou ás portas da Casa do Concello de Murcia. Alí familiares das vítimas pediron depurar responsabilidades por incumprir as normas. Están convencidos de que a traxedia puido evitarse e din sentirse sós na loita.
De momento hai seis investigados. Entre eles os responsables das dúas discotecas, que non tiñan a licenza de apertura en vigor.
A investigación sitúa a orixe do incendio nunha máquina de fogo frío en Teatre. As lapas prenderon sobre as seis da madrugada e en poucos minutos arrasaban Teatre e Zona Milagros. Dous locais separados por unha parede e un falso teito polo que se propagou o lume. Ducias de persoas quedaron atrapadas. As portas de emerxencia non abrían e houbo 13 mortos.