Publicador de contidos

Publicador de contidos

A guerra de aranceis lanzada por Trump sacode as bolsas dos Estados Unidos, Europa e Asia

A guerra de aranceis lanzada por Trump sacode as bolsas dos Estados Unidos, Europa e Asia

Os mercados amorteceron a súa caída despois de que se soubese que Estados Unidos acordou atrasar por un mes a política arancelaria a México

Os mercados asiáticos sufriron perdas nesta xornada de luns, que pecharon con caídas superiores ao 2%

As empresas automobilísticas son as que saen peor paradas

Arquivo (EFE/Vega Alonso del Val) Arquivo (EFE/Vega Alonso del Val)
G24.gal 03/02/2025 09:59 Última actualización 03/02/2025 18:51

A decisión de Donald Trump de impoñer aranceis do 25% aos produtos importados de México e O Canadá e do 10% para os procedentes da China, sacudiu este luns as bolsas americanas, europeas e asiáticas.

Despois de fortes caídas iniciais, os mercados amorteceron a súa caída despois de que se soubese que Estados Unidos acordou atrasar por un mes a política arancelaria a México. 

Aínda así, as baixas son xeneralizadas. Entre os sectores máis afectados, o automobilístico.

A Bolsa española baixou o 1,32% 

O índice de referencia do parqué nacional, o IBEX 35, cedeu 163,1 puntos, ese 1,32 %, ata 12.205,8 puntos. E os bancos baixaron o 2,2% de media.

A pesar destas baixadas, a Bolsa española terminaba o día por encima de 12.200 puntos.

Dos grandes valores destacaba a caída do 2,76 % de BBVA (cuarta maior do IBEX); Banco Santander baixou o 2,47 %, Inditex o 1,86 % e Iberdrola o 0,51 %. Subiron Telefónica (cuarta empresa máis alcista dese índice) e Repsol o 0,35 %. 

Francfort cae o 1,40%

O índice selectivo DAX 40 da Bolsa de Frankfurt pechou cunha caída do 1,40% ata os 21.428,24 enteiros, mentres que o MDAX das medianas empresas cedeu un 1,28 % ata os 26.388,15 puntos e o TecDax das tecnolóxicas perdeu un 1,33 %, ata 3.6677,70 puntos.

Londres recúa un 1,04%

O índice principal londiniense, o FTSE-100, perdeu 90,40 puntos ata 8.583,56 enteiros, mentres que o secundario, o FTSE-250, descendeu un 1,14% ata 20.711,76 unidades.

No parqué londiniense, a retallista de equipamento deportivo JD Sports Fashion liderou as perdas cun descenso do 4,67%, á vez que o fondo de investimento Scottish Mortgage Invesment Trust caeu un 4,0 %. O seu rival Pershing Square Holdings terminou cun 3,97 % menos.
 

Milán baixa o 0,69%

 A Bolsa de Milán pechou este luns á baixa e o seu índice selectivo FTSE MIB descendeu un 0,69%, ata situarse nos 36.218,98 puntos.

Pola súa banda, o índice xeral FTSE Italia All-Share baixou un 0,67 %, ata os 38.479,14 enteiros.

Durante a sesión cambiaron de mans uns 605 millóns de accións por valor duns 3.351 millóns de euros.

No parqué milanés, as accións do sector automobilístico caeron de forma pronunciada e o fabricante de coches Stellantis encabezou as perdas cunha baixada do 4,52%. A esta empresa seguíronlle Saipem (3,42%), o produtor de pneumáticos Pirelli (3,37%), Stmicroelectronics (3,05%), Nexi (2,76%), Interpump Group (2,45%) ou Iveco (2,16%), entre outras.

París cae un 1,20%

O CAC-40, principal índice da Bolsa de París, pechou este luns cunha caída do 1,20%, rematou con 7.854,92 puntos e rexistrou 33 compoñentes en vermello, un inalterado e seis en verde.

O índice, con todo, logrou atenuar as súas perdas ao final da sesión -chegou a perder máis do 2%- grazas á moratoria dun mes que Trump deu a México na imposición de aranceis.

Empresas que teñen en Estados Unidos un importante mercado víronse especialmente afectadas, entre elas o fabricante de automóbiles Stellantis (-4,48%), o grupo industrial Saint-Gobain (-4,0 %) e o de luxo Kering (-3,75%).

Wall Street baixa o 0,2% e Tesla caeu un 6%

A moratoria dun mes para os impostos aos produtos mexicanos tamén suavizou a caída nas bolsas americanas. Wall Street reducía as caídas da apertura e cedía o 0,2% ao peche nacional.

O barril de petróleo Brent apenas variaba respecto ao venres e negociábase a 75,7 dólares.

As empresas fabricantes de automóbiles foron algunhas das máis prexudicadas no arranque de xornada: General Motors (-5,66%), Stellantis (-5,29%) ou Ford (-3,85%), así como compañías de subministración tecnolóxica para vehículos como Aptiv (-8,85%) ou a de motores Cummins (-2,7%).

Pola súa banda, Tesla tamén caeu arredor do 6 %.

Donald Trump avanzou este domingo que espera falar por teléfono o luns co primeiro ministro canadense, Justin Trudeau, e coa presidenta mexicana, Claudia Sheinbaum, e non espera "nada dramático" desas conversacións que ocorrerán pouco antes do inicio dos novos aranceis do 25% á maioría de importacións deses dous países veciños.

O petróleo responde á política arancelaria con subas, que son do 1,44 % no caso do Brent, de referencia en Europa, ata os 76,78 dólares o barril, mentres que o West Texas Intermediate (WTI), de referencia nos EUA, tamén avanza o 2,47 %, ata os 74,32 dólares, antes da apertura oficial do mercado.

Pola contra, o ouro rexistra unha leve caída do 0,07 % e o prezo da onza atópase en 2.799,37 dólares.

O bitcoin, a criptomoneda máis utilizada do mercado, cae xa un 1,7 8 %, ata os 95.289 dólares.

Doutra banda, este luns coñecéronse os datos preliminares de inflación da zona euro, que rexistraron unha subida dunha décima en xaneiro ata o 2,5 %, co que se encadean catro meses consecutivos á alza ata o nivel máis alto desde o pasado xullo.

Con todo, a inflación subxacente, que exclúe os factores máis volátiles e é usada como referencia polo Banco Central Europeo (BCE) mantívose estable no 2,7 %, onde se sitúa desde setembro de 2024.

O principal índice da Bolsa de Toquio, o Nikkei, caeu un 2,66 %; o selectivo máis amplo Topix, que inclúe as firmas da sección principal, as de maior capitalización, perdeu un 2,45 %; o principal índice da Bolsa de Seúl, o Kospi, pechou cunha caída do 2,52%; e o índice de referencia da Bolsa de Hong Kong, o Hang Seng, perdeu un 1,08%.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade