Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas evita apoiar o MidCat e pide máis datos sobre a súa viabilidade

Bruxelas evita apoiar o MidCat e pide máis datos sobre a súa viabilidade

Teresa Ribera di que hai que manter un debate sobre as necesidades europeas e di que a infraestrutura debe ser útil para o futuro

Macron descarta un novo gasoduto entre España e Francia

G24.gal 06/09/2022 13:03 Última actualización 06/09/2022 14:59

A Comisión Europea evitou este martes apoiar a España na súa defensa do proxecto de gasoduto MidCat para unir a Península Ibérica co resto da UE a través dos Pireneos e pediu máis datos para avaliar a viabilidade da iniciativa, horas despois de que o presidente de Francia Emmanuel Macron rexeitase de plano relanzar este proxecto.  

"Non podemos dar unha posición específica neste momento, fai falta que os Estados membros e os promotores avancen na análise sobre as posibilidades de viabilidade do proxecto e entón estaremos en medida de dar a nosa opinión sobre un proxecto preciso", indicou o portavoz de Enerxía do Executivo comunitario Tim McPhie nunha conferencia de prensa en Bruxelas.  

"Todo proxecto transfronteirizo adicional de infraestruturas que unan a Península Ibérica co resto da Unión Europea necesita máis avaliacións dos países implicados e dos promotores do proxecto, por iso a Comisión non pode tomar posición", insistiu o portavoz, que lembrou que o MidCat non forma parte da lista de Proxectos de Interese Común (PIC). 

Tamén subliñou que, de acordo coa nova lexislación en materia de infraestruturas enerxéticas aprobada recentemente, non se poden financiar con recursos europeos aqueles proxectos baseados en combustibles fósiles como o gas.

Isto excluiría da posibilidade de recibir fondos europeos un potencial proxecto que recupere a idea do MidCat e sirva unicamente para transportar gas. "O que potencialmente podería financiarse son proxectos de infraestruturas de hidróxeno. Podería ter status de PIC baixo como corredores prioritarios de hidróxeno. Pero nin é nin foi un PIC", dixo.

En xeral, o portavoz de Enerxía da Comisión Europea insistiu en que todo novo investimento que conecte as terminais de gas natural licuado (GNL) da península ibérica coa rede gasística europea a través de infraestruturas "preparadas para o hidróxeno" podería "contribuír a diversificar máis o aprovisionamento de gas no mercado interno" e "axudaría no potencial futuro de hidróxeno verde" de España e Portugal e o norte de África.

Pero, de novo, reiterou que o proxecto que desexa España "non está no punto en que (a Comisión Europea) poida avaliar se pode recibir fondos". 

A vicepresidenta terceria e responsable de Cambio Climático, Teresa Ribera, asegurou que se debe aclarar que é o que di Bruxelas, que segundo dixo "non é un proxecto que non está na lista dos de interese comunitario", porque esa listaxe é previa ao debate que se suscitou neste momento. 

Ribera cre que hai que manter un debate sobre as necesidades europeas e que debe ser unha infraestrutura útil para o futuro.

"Non se trata de dispoñer dunha infraestrutura deseñada para o pasado", asegurou, "que só poida transportar gas natural, senón que debe ser unha infraestrutura que debe poder estar operativa durante moito tempo, que debe poder levar hidróxeno".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade