Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas pide conxelarlle 7.500 millóns a Hungría por vulnerar o Estado de dereito

Bruxelas pide conxelarlle 7.500 millóns a Hungría por vulnerar o Estado de dereito

O país é un dos maiores beneficiarios dos fondos rexionais da Unión Europea

G24.gal 18/09/2022 13:33

A Comisión Europea propón suspender o desembolso de 7.500 millóns de euros de fondos a Hungría polas súas continuas violacións aos principios do Estado de dereito, especialmente en materia de loita contra a corrupción e a fraude nos procedementos de contratación pública.

"Suspender o desembolso do 65 % dos compromisos de tres programas operativos da Política de Cohesión por un importe estimado de 7.500 millóns de euros, o que supón máis dun terzo da dotación de cohesión de Hungría", informa nunha rolda de prensa o comisario europeo de Orzamentos, Johannes Hahn.

Bruxelas decide dar este paso á espera de que o Goberno húngaro de Viktor Orbán implemente as reformas prometidas para resolver as deficiencias que detectaron as autoridades comunitarias e que supuxeron a activación do expediente.

“A nosa conclusión é que as medidas correctoras propostas poderían, en principio, resolver os problemas descritos na notificación de se especificaren correctamente nas leis pertinentes e se aplicaren en consecuencia”, di Hahn.

O comisario lembra que este caso comezou en abril cando a CE lle notificou a Budapest a súa preocupación polas infraccións dos principios do Estado de dereito, no contexto de que podían supoñer un risco para o bo uso do orzamento comunitario.

Referiuse en concreto a irregularidades sistemáticas e deficiencias na contratación pública, insuficiencias no tratamento dos conflitos de intereses no ámbito público, carencias no seguimento efectivo das investigacións e actuacións xudiciais en casos relacionados con fondos e deficiencias na loita contra a corrupción.

En xullo, a Comisión informou a Hungría que proporía medidas ao resto de países da UE para protexer o orzamento comunitario, a non ser que desenvolvese medidas correctoras adecuadas para solucionar o problema. A partir de aí Budapest comprometeuse a adoptar 17 iniciativas.

Próximos pasos

A conxelación dos fondos ten que ser aprobada no prazo dun mes polo resto de Estados membros por maioría cualificada, o que supón que Polonia -o gran socio de Hungría nestes asuntos- non ten capacidade de veto. Con todo, este prazo pode estenderse outros dous meses. 

Budapest comprometeuse a informar plenamente a Comisión sobre a aplicación das medidas correctoras antes do 19 de novembro, segundo fontes comunitarias. Hungría é un dos maiores beneficiarios dos fondos rexionais da Unión Europea, con máis de 22.500 millóns de euros asignados en virtude da Política de Cohesión ata 2027.

A Comisión Europea activou a finais de abril o mecanismo que condiciona o desembolso de fondos europeos ao respecto dos principios do Estado de dereito, acordado nas negociacións do orzamento comunitario para o período 2021-2027, e que non fora utilizado antes.

Hungría e Polonia chegaron mesmo a bloquear aquelas negociacións pola súa oposición ao devandito mecanismo e recorreron ante a Xustiza europea, pero máis tarde o Tribunal de Xustiza da UE avalou o mecanismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade