Bruxelas reclama a España detalles do plan para baixar a factura da luz
Bruxelas estudará urxentemente se a proposta hispano-lusa encaixa nas normas de axudas de Estado da UE

A Comisión Europea reclamou este luns a España e Portugal que envíen formalmente os detalles da súa proposta para limitar o prezo do gas no mercado da electricidade e baixar así a factura da luz, posto que sen esta información non pode concluír a súa análise da medida.
"Tras o acordo político alcanzado o 26 de abril, a Comisión Europa espera as medidas detalladas de España e Portugal, que aínda non foron enviadas formalmente ou en formato de borrador. Isto é información esencial sen a cal a Comisión non pode concluír a súa análise" informou unha portavoz do Executivo comunitario.
Despois aclarou que "os contactos técnicos continuarán sobre a base da información achegada" polas autoridades españolas e lusas.
Bruxelas, engadiu a portavoz, está "comprometida" a avaliar "urxentemente" se a proposta hispano-lusa "está aliñada tanto coas normas de axudas de Estado da UE como coa lexislación do mercado interior da enerxía".
Madrid e Lisboa alcanzaron a pasada semana un acordo "político" coa Comisión Europea para limitar o prezo do gas no mercado grosista da electricidade. O pacto agora debe ser validado formalmente polos servizos comunitarios de Competencia.
O acordo, segundo detallaron nunha conferencia de prensa a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera e o seu homólogo portugués Duarte Cordeiro, terá unha vixencia de doce meses e o prezo medio do gas durante todo ese período será de 50 euros megawatts por hora (MWh), aínda que no inicio sería de 40 euros/MWh.
Aínda que nun primeiro momento o obxectivo do Goberno español era que fose aprobado no Consello de Ministros de hoxe, Ribera recoñeceu onte que o máis probable era que o procedemento se demorase polo menos unha semana máis.