Cúmprense trinta anos da rodaxe de 'A morte e a doncela' en Valdoviño
Cúmprense trinta anos da rodaxe de 'A morte e a doncela' en Valdoviño
Roman Polanski escolleu os acantilados de Meirás para recrear a costa chilena
Se lles gusta o cine de Roman Polanski posiblemente viran xa A morte e a doncela, un dos seus filmes máis angustiosos e inquietantes. O que quizais descoñezan é que unha parte dos exteriores da película se rodou en Galicia. Foi nos cantís de Meirás, ao carón do faro da Frouxeira.
Era abril de 1994. Polanski chegaba buscando tempestades e ceos grises para a súa rodaxe. Valdoviño recibiuno sen chuvia e cunha expectación inédita.
"Non se collía. Había moita expectación e moito control policial. A xente ía polos montes, por onde podía. Claro, querían ver os actores", lembra unha veciña.
Todos querían ver a Sigourney Weaber e a Ben Kingsley, os dous protagonistas da cinta, pero a seguridade privada do equipo de Polanski e a Garda Civil mantiveron os curiosos, a case todos, afastados da zona de rodaxe.
"Eu simulei unha avaría e atravesei o coche na estrada porque as fillas querían velos. E vímolos perfectamente", comenta outro veciño entre risas.
En Meirás tamén lembran ver a Polanski nalgúns dos restaurantes da zona, degustando os mellores mariscos.
Pasaron tres décadas, pero nesta parroquia de Valdoviño non esquecen aqueles días de primavera en que o cine transformou os impresionantes acantilados da Frouxeira nun anaco da costa de Chile, onde se sitúa a historia de vinganza de A morte e a doncela.