Premios Feroz 2025: á mellor película para "Salve María" e ao mellor director para Almodóvar
Premios Feroz 2025: á mellor película para "Salve María" e ao mellor director para Almodóvar
Estrelas do cinema e da televisión enchen de glamour a gala dos Premios Feroz en Pontevedra
Entréganse en total 21 estatuíñas: once de cine, sete de series e os dous premios especiais Feroz Arrebato e Feroz de Honra
O premio de Honra foi para Jaime Chávarri
As principais estrelas do cinema e a televisión desfilaron este sábado pola alfombra vermella da duodécima edición da gala dos Premios Feroz, que este ano viaxaron por primeira vez a Pontevedra, cidade que se envorcou por completo para celebrar o talento e o glamour dos e as artistas españolas. A Gala celebrouse no Pazo de Cultura.
Os Premios Feroz outórgaos a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).
O homenaxeado desta edición, o Feroz de Honra, foi para o realizador Jaime Chávarri, que sinalou que Pontevedra lle parecía unha cidade "marabillosa" e rememorou tamén a súa rodaxe hai uns anos en Galicia con La manzana de oro, na que fixo "moi bos amigos.
A cerimonia comezou ás dez da noite e tivo unha duración de máis de dúas horas. Entregáronse en total 21 estatuíñas: once de cine, sete de series, os dous premios especiais Feroz Arrebato e Feroz de Honra, que este ano é, como diciamos, para Jaime Chávarri.
Os premiados
A mellor película dramática foi para Salve María, dirixida por Mar Coll e producida por Sergi
Casamitjana e María Zamora. A película competía nesta categoría con La estrella azul, de Javier Macipe e producida por Simón de Santiago, Amelia Hernández Causapé e Hernán Musaluppi; con La habitación de al lado, dirixida por Pedro Almodóvar e producida por Agustín Almodóvar e Esther García; con La virgen roja, dirixida por Paula Ortiz e producida por María Zamora e Stefan Schmitz; e con Los destellos, dirixida por Pilar Palomero e producida por Fernando Bovaira, Valérie Delpierre e Simón de Santiago.'
O Premio Feroz á mellor serie dramática recibiuno Querer, dirixida por Alauda Ruiz de Azúa para Movistar Plus. A ficción, producida por Susana Ferreiras, Fran Araújo, Juan Moreno e Koldo Zuazua, competía nesta categoría de serie dramática con Los años nuevos, con Cristóbal Balenciaga, con Nos vemos en otra vida e con Yo, adicto.
O Premio Feroz á mellor comedia no cinema foi para Casa en flames dirixida por Dani de la Orden. A película -que levou tres premios Feroz- foi producida por Toni Carrizosa, Alberto Aranda, Ana Eiras e Dani da Orden. Casa en flames competía nesta categoría con Bodegón con fantasmas, producida por Alejandra Moura, Alicia Yubero, Juan Cavestany e Álvaro F. Armeiro; con Buscando a Coque, producida por Beatriz Adegas; con Escape, producida por Rodrigo Cortés, Adrián Guerra e Núria Valls e con Volveréis, producida por Javier Lafuente e Jonás Trueba.
O Premio Feroz á mellor serie de comedia foi para Celeste, creada por Diego San José para Movistar Plus. A serie, producida por Fran Araújo, Javier Méndez, Alejandro Flórez e Diego San José, competía coas comedias Mamen Mayo, Muertos S.L. e Medina, el estafador de famosos.
A mellor dirección foi para Pedro Almodovar pola película La habitación de al lado. Competía nesta categoría con Arantxa Echevarría por La infiltrada, con Dani de la Orden por Casa en flames, con Paula Ortiz por La virgen roja e con Pilar Palomero por Los destellos.
O mellor guión foi para Eduard Sola por Casa en flames. O guionista, que tamén era candidato na mesma categoría xunto a Clara Roquet por La virgen roja, competía con Marcel Barrena e Beto Marini por El 47; con Javier Macipe por La estrella azul; e Pedro Almodóvar por La habitación de al lado; recolleu o premio das mans de Yolanda Ramos e Daniel Guzmán.
O mellor guión de series, premio Feroz DAMA, foi para Alauda Ruiz de Azúa, Eduard Sola e Júlia de Paz por Querer, unha serie sobre a violencia sexual dentro do matrimonio. Os guionistas, que competían nesta categoría cos creadores das series Celeste, Los años nuevos, Nos vemos en otra vida e Eu, adicto, recibiron o galardón de mans dos actores Daniel Guzmán e Yolanda Ramos.
O premio ao mellor actor protagonista no cinema foi para Eduard Fernández por Marco. É o seu segundo Premio Feroz, xa recibira outro en 2021 pola serie 30 monedas. O actor competía nesta categoría con Pepe Lorente por La estrela azul, con Urko Olazabal por Soy Nevenka, con Antonio da Torre por Los destellos e con David Verdaguer por La casa.
O premio á mellor actriz protagonista no cinema foi para Emma Vilarasau por Casa en Flames. A actriz competía nesta categoría con Patricia López Arnaiz por Los destellos; con Najwa Nimri por La virgen roja, con Laura Weissmahr por Salve María e con Carolina Yuste por La infiltrada.
O premio ao mellor actor protagonista dunha serie foi para Oriol Pla polo seu traballo en Yo, adicto. O actor barcelonés, que competía nesta categoría con Francesco Carril por Los años nuevos, con Pedro Casablanc por Querer, con Tristán Ulloa por El caso Asunta e con Alberto San Juan por Cristóbal Balenciaga, non puido acudir a esta cerimonia ao ter función de teatro en Madrid.
O premio á mellor actriz protagonista nunha serie foi Nagore Aranburu polo seu papel en Querer. A actriz guipuscoana competía nesta categoría con Mónica López por Rapa, con Carmen Machi por Celeste, con Candela Peña por El caso Asunta e con Iria del Río por Los años nuevos.
O premio ao mellor actor de relenco no cinema foi para Óscar de la Fuente polo seu papel no filme La casa. O actor competía nesta categoría con Julián López por Los destellos, con Enric Auquer e Alberto San Juan por Casa en flames e con José Sancristán por Escape.
O premio ao mellor actor de elenco en series foi para Pol López por Nos vemos en otra vida, unha serie baseada no libro de Manuel Jabois.
O premio á mellor actriz de elenco no cinema foi para Clara Segura pola película El 47. A actriz competía nesta categoría con Anna Castillo polo seu papel en Escape; con Mariña Guerola pola súa interpretación en Los destellos; con María Rodríguez Soto pola súa interpretación en Casa en flames e con Aixa Villagrán por La virgen roja.
O premio á mellor actriz de elenco en Serie foi para Nova Navas polo seu papel en Yo, adicto. A actriz barcelonesa, que competía nesta categoría con Tamara Casellas por Nos vemos en otra vida, con María León por El caso Asunta, con Loreto Mauleón por Querer e con Clara Sans por Celeste, recibiu o premio de mans dos actores María Vázquez e Diego Anido.
O premio á mellor música orixinal recibiuno Alberto Iglesias pola película La habitación de al lado. Alberto Iglesias competía nesta categoría con Arnau Bataller por El 47, con Fernando Velázquez por La casa, con María Arnal por Polvo serán e con Zeltia Montes por Salve María.
O premio ao mellor tráiler gañouno Miguel Ángel Trudu pola película Polvo serán, unha traxicomedia musical dirixida por Carlos Marqués-Maret e protagonizada por Ángela Molina e Alfredo Castro. Miguel Ángel Trudu competía nesta categoría con Alberto Leal por La habitación de al lado, con Javier Morais por La infiltrada, con Omar Bermúdez e Carlos Berot por Marco, e con Marta Longás e Jesús Fernández García por La virgen roja.
O premio ao mellor cartel levouno Salve María, do deseñador gráfico Octavio Terol e o fotógrafo Lluís Tudela. Competían con Jordi Rins (deseño gráfico) e David García (ilustración) por Casa en flames; con Laura Pere (deseño gráfico) por La estrella azul; con Juan Gatti (deseño gráfico) e Nico Bustos (fotografía) por La habitación de al lado; e con Emilio Lorente, Manuela Aparicio (deseño gráfico) e Lluís Tudela (fotografía) por Polvo serán.
O Premio Feroz Arrebato de Ficción foi para Polvo serán. dirixida por Carlos Marquez-Marcet. A película competía nesta categoría con En la alcoba del sultán, de Javier Rebollo; con On the Go, de Julia de Castro e María Gisele Royo; con Por donde pasa el silencio, de Sandra Romero; e con Un sol radiant, de Mònica Cambra Domínguez e Ariadna Fortuny Cardona.
O Premio Feroz Arrebato de non ficción foi para The Human Hibernation, de Anna Cornudella. A longametraxe competía nesta categoría con Caja de resistencia, de Concha Barquero Artés e Alejandro Alvarado Jódar; con La hojarasca, de Macu Machin; con Saturno, de Daniel Tornero; e con Zinzindurrunkarratz, de Oskar Alegria.