Cae o Goberno en Francia tras prosperar a moción de censura
Cae o Goberno en Francia tras prosperar a moción de censura
A moción saíu adiante cos votos da esquerda e da ultradereita
Michael Barnier ten que presentar agora a súa dimisión ao presidente da República
Macron dirixirase este xoves ao país cunha mensaxe televisada
O Goberno francés do conservador Michel Barnier caeu este mércores nunha moción de censura que reuniu 331 votos procedentes da esquerda e a extrema dereita (bastaba con 288), tres meses despois do seu nomeamento para o cargo.
Barnier contaba só co apoio da dereita tradicional, macronistas e centristas, moi lonxe da maioría absoluta. Ata o último momento tratou de obter apoios para manterse no cargo, pero a extrema dereita de Marine Le Pen deulle as costas sobre os orzamentos e os socialistas non escoitaron os seus chamamentos á responsabilidade.
A esquerda, maioritaria na cámara con 193 escanos, que nunca foi un interlocutor para o Goberno, presentou unha moción de censura que recibiu o apoio da extrema dereita, que conta con case 140 deputados e que foi o máis votado nas pasadas lexislativas con 11 millóns de votos.
O deputado esquerdista Coquerel, que defendeu a moción reprochou a ilexitimidade de Barnier no posto, ao xurdir dun grupo que apenas tivo 47 deputados nas últimas lexislativas e asegurou que a súa caída debe abrir a porta á dimisión do presidente.
Le Pen, que presentou outra moción paralela que nin sequera foi votada debido a que triunfou a da esquerda, considerou a Barnier "un continuador" do macronismo que levou ao país a unha situación crítica e pediu un cambio radical de rumbo.
Sen pedir a dimisión de Macron, a líder ultradereitista si lle demandou que reflexione se "pode seguir sacrificando a sorte dos franceses polo seu propio orgullo e pode seguir afrontando o despeito dos cidadáns".
Tras eles sucedéronse na palabra os líderes do resto de partidos. Barnier foi criticado por socialistas, comunistas e ecoloxistas e defendido pola súa familia da dereita tradicional, centristas e o macronista Gabriel Attal, o seu antecesor no cargo.
O primeiro ministro máis breve
Michael Barnier convértese así no primeiro ministro máis breve desde a instauración da V República en 1958. O presidente Emmanuel Macron nomeárao pasado 5 de setembro como solución ante o bloqueo político de case dous meses tras as eleccións de xullo, que deixaron unha Asemblea Nacional dividida en tres bloques irreconciliables.
Barnier gobernaba ata o de agora en minoría e, ante a dificultade para aprobar os orzamentos, o luns recorreu ao artigo 49.3 da Constitución francesa, que contempla a posibilidade de aprobar leis esquivando a votación parlamentaria a cambio de ter que someterse a unha moción de censura.
A Nova Fronte Popular conta con 182 deputados na Asemblea Nacional que sumados aos 143 escanos da Agrupación Nacional de Marine Le Pen, serviron para desbancar ao veterano político, elevado por Macron á Xefatura de Goberno nun contexto político complicado para o mandatario.
Reaccións na Asemblea Nacional
As primeiras reaccións xurdiron precisamente desde a Nova Fronte Popular, unha coalición integrada pola Francia Insubmisa, socialistas e outras formacións de esquerdas. A líder de LFI na Asemblea Nacional, Mathilde Panot, asegurou que o Goberno de Barnier "foi unha provocación" tendo en conta os resultados das eleccións lexislativas, e aseverou que "o único soberano dunha republica é o pobo"
Pola súa banda, e contratastando coa efusividade do discurso de Panot, o líder dos deputados socialistas, Boris Vallaud, recoñeceu que o seu sentir "non é de satisfacción" e subliñou que o fracaso de Barnier foi o non tentar sequera buscar "o máis mínimo compromiso coa esquerda".
Na mesma liña, Le Pen subliñou que esta votación "non é unha vitoria", pero que o seu partido debía posicionarse nunha moción de censura e, finalmente, os seus deputados decantáronse por "protexer aos franceses" e desbancar a Barnier da Xefatura de Goberno.
O primeiro ministro ten que acudir agora ao Elíseo a presentarlle a dimisión ao presidente Emmanuel Macron.
Macron dirixirase este xoves ao país cunha mensaxe televisada
Emmanuel Macron, dirixirase ao país nunha intervención este xoves. O presidente falará á 20.00 hora local, segundo anunciou o Elíseo tan só minutos despois de que a Asemblea Nacional sentenciase a caída de Barnier cos votos da esquerda e da extrema dereita.
O presidente francés seguiu desde a distancia a maior parte desta crise política, mentres se celebraba o debate da moción, estaba en Arabia Saudita, nunha visita de Estado de tres días. A pesar diso, fontes do Elíseo detallaron á prensa francesa que o xefe de Estado traballaba xa desde a semana pasada para buscar a un candidato para suceder ao dirixente conservador, antigo negociador do Brexit, no palacio de Matignon.
A Constitución non establece un prazo para o nomeamento dun novo Executivo, mentres o actual pode afrontar en funcións os asuntos correntes. A pelota está en todo caso no campo de Macron, xa que en Francia a potestade de nomear ao primeiro ministro é competencia do presidente da República.
Xa no verán, no medio do bloqueo que ocasionou a profunda división da Asemblea Nacional xurdida das lexislativas anticipadas de xullo pasado, Macron defendeu que o nomeamento tiña que ser para unha figura capaz de dar estabilidade a Francia, algo que non logrou finalmente Barnier.
Entre os nomes que se barallan, o que soa con máis forza é o do actual ministro de Defensa, Sebastian Lecornu; o veterano centrista François Bayrou e de novo o socialista Bernard Cazeneuve, aínda que con menos forza que cando foi descartado para o cargo por Macron en setembro pasado.
O país entra nun período de incerteza ante unha situación que nunca vivira. Só unha vez triunfou unha moción de censura, en 1962 contra Georges Pompidou, pero entón disolveuse a Asemblea Nacional, o xeneral De Gaulle obtivo unha vitoria contundente e volveu nomear ao seu fiel escudeiro á fronte do Executivo.
Macron ten unha axenda cargada esta fin de semana, na que recibe a varios xefes de Estado e ao presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, para a reapertura da catedral de Notre Dame, cinco anos e medio despois do incendio que sufriu en 2019.