Publicador de contidos
Publicador de contidos

Partido para esquecer do Leyma Coruña na pista do Baskonia (114-66)

Partido para esquecer do Leyma Coruña na pista do Baskonia (114-66)

O partido quedou definido ao comezo do segundo cuarto, cando o equipo vitoriano encadeou un parcial de 13-0 e se foi por riba dos vinte puntos

G24.gal 08/01/2025 21:19 Última actualización 08/01/2025 21:47

O Leyma Coruña padeceu un calvario na pista do Baskonia, un dos grandes da competición que estaba durmido ata o de agora na ACB e que espertou ante dun cadro coruñés impotente (114-66). Con varios xogadores minguados pola enfermidade e despois de encadear dous partidos en tres días non lle saíu nada ao equipo de Epifanio, que deberá centrarse no decisivo derbi ante do Breogán a vindeira fin de semana. 

O partido só tivo algo de historia no primeiro cuarto. Moneke (10 puntos) e Luwawu (7) anotaban con facilidade e levaban a vantaxe ata os dez puntos (22-12). O segundo cuarto comezou cun 13-0 para os vascos, que puxeron a diferenza por riba dos vinte puntos (35-12), e aí rematou o encontro. Conforme pasaban os minutos, a marxe non facía máis que aumentar. Chegou a ser de +32 (53-21) e o encontro converteuse nun pesadelo. 

No terceiro cuarto, os de Pablo Laso saíron máis relaxados, pero contra o final encadearon varias triplas que facían a Baskonia estar moi próximo a dobrar ao Leyma (81-42). A penuria estendeuse a un último cuarto, no que a desvantaxe se foi ata os cincuenta puntos. Só se puido salvar o acerto exterior de Barrueta (18 puntos) nun partido que debe esquecer canto antes o Leyma Coruña. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade