A permanencia na ACB e a ampliación de capital, principais obxectivos do Básquet Coruña
A permanencia na ACB e a ampliación de capital, principais obxectivos do Básquet Coruña
O orzamento para esta temporada é de cinco millóns de euros
O novo presidente do Leyma Básquet Coruña, Pablo de Amallo, expuxo este venres a folla de ruta que marcou o seu consello de administración para o seu mandato, coa permanencia na liga Endesa e a ampliación de capital como principais obxectivos.
“O noso principal obxectivo nesta tempada é manter a categoría. Estamos a pelexar por iso e, de momento, estamos a conseguilo, malia que aínda queda moita liga”, lembrou en conferencia de prensa o substituto de Roberto Cibeira á fronte do club laranxa.
O segundo obxectivo, puntualizou, é afrontar a ampliación de capital que impón o Consello Superior de Deportes (CSD) aos equipos que participan na liga ACB.
“Estimamos que será ao redor dos 2.300.000 euros, estamos a valorar como a imos afrontar. A idea é que a maioría da subscrición a fagan os abonados para que o club sexa da afección. Evidentemente cos dereitos preferentes que teñen os socios actuais, que hai que cumprilos por lei”, indicou.
Outro dos retos que se marcou a nova directiva do Básquet Coruña é “a mellora” das infraestruturas deportivas, porque actualmente están a ter “moitos problemas”, derivados a maioría deles "pola falta dunha pista".
O orzamento para esta temporada é de cinco millóns de euros.