Calvo: "Sánchez vai esgotar calquera recurso antes de enfrontarse a novas eleccións"

O vicepresidente primeira da Xunta manifestou que "a mellor solución que temos a día de hoxe enriba da mesa dende logo é preguntarlles aos cidadáns se realmente están a favor desta amnistía e desta condonación da débeda a Cataluña"

Sobre o Bono Deporte afirmou que espera que a aplicación estea dispoñible en xaneiro para empregar eses 120 euros

Diego Calvo foi entrevistado no informativo 'Bos días'
G24.gal 08/11/2023 09:51

Apoiar o deporte base e a actividade física entre os máis novos, ese é o obxectivo do Bono Deporte da Xunta, unha axuda de 120 euros para os deportistas federados ou do programa Xogade de 6 a 16 anos. Entrará en vigor en xaneiro e no informativo Bos días afondaron na iniciativa co conselleiro responsable, Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deporte.

A actualidade manda e Calvo comezou falando da amnistía. Os ministros en funcións do Goberno dicían que as negociacións se están facendo a prol da paz e da concordia en Cataluña. O vicepresidente primeiro cre que "os ministros non contan a verdade e que esas negociacións estanse a levar a cabo polo interese que ten Pedro Sánchez en seguir manténdose como presidente e iso é o que causa tensión entre a xente". 

"Hai moitísima xente que non entende e que cre que non todo vale en política. A fin nunca xustifica os medios e iso é o que provoca tensión en moita parte da poboación", afirmou.

O próximo 12 de novembro haberá mobilizacións pacíficas contra a amnistía convocadas polo Partido Popular. Calvo subliñou que "os están a chamar moitas persoas pedindo que fagamos algo".

"Este domingo convocamos en todas as capitais de provincia concentracións pacíficas da xente para quen queira expresar o seu rexeitamento a esta situación que estamos vivindo. É certo que a mellor solución que temos a día de hoxe enriba da mesa dende logo é preguntarlles aos cidadáns se realmente están a favor desta amnistía e desta condonación da débeda. Eu creo que sería o máis razoable neste momento e iso pasaría sempre por unha convocatoria electoral, pero todos sabemos que Pedro Sánchez vai esgotar calquera recurso antes de enfrontarse a unhas novas eleccións", sentenciou.

A data límite para a investidura é o 27 de novembro e Diego Calvo cre que "Pedro Sánchez non ten liñas vermellas e iso fai todo máis complicado". 

"É moi difícil falar con el, poder chegar a acordos cunha persoa que é capaz do que sexa por acadar os seus obxectivos. Por tanto, eu creo que non vai ter liñas vermellas e as terá que poñer a cidadanía protestando na rúa, que é o que nos queda a día de hoxe e pedindo a convocatoria electoral porque isto non ten sentido", manifestou o vicepresidente primeiro da Xunta.

Acordo BNG

Quen si chegou xa a un acordo co PSOE para apoiar a investidura de Pedro Sánchez foi o BNG, quen considerou o apoio como positivo. Diego Calvo di que nin sabe porque o consideran positivo porque gran parte do que vén nese acordo xa o tiñan pactado hai catro anos e non lles fixeron caso. Sobre a creación de cinco novos xulgados de violencia de xénero, Calvo manifestou que tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como a Xunta xa os pediran e o Goberno dixo que non había motivos. 

"É máis importante a investidura de Pedro Sánchez que a situación das vítimas de violencia machista? Isto non ten ningún sentido e é unha mostra da deslealdade institucional", manifestou Calvo.

Lei do litoral

Sobre o recurso da lei do litoral que aceptou o Tribunal Constitucional, o conselleiro da Presidencia dixo que en Galicia se fixo unha lei onde ninguén se opuxo e que pretende é preservar a nosa franxa do litoral.

"Aí é onde o Goberno ve un atentado á Constitución e a recorre. Non nos dá os informes nos que se toma a decisión. Ao final hai unha falta de lealdade, un interese político e esta non é forma de facer política", afirmou.

Bono Deporte

O Bono Deporte entrará en vigor a partir do próximo xaneiro. O apoio ao deporte base e tamén a situación económica complicada son algunhas das cousas que quixo paliar a Xunta coa posta en funcionamento deste bono. Calvo afirmou que a Xunta puxo moitas axudas enriba da mesa e que quedaba o deporte. Son 120 euros dos que se van beneficiar uns 135.000 deportistas de 6 a 16 anos con licenza federada ou do programa Xogade.

¨É un revulsivo para o mundo do deporte e é a primeira vez que se fai unha axuda deste tipo", destacou.

Vai funcionar como o resto de bonos que puxo en funcionamento a Xunta. Este mércores saíu publicado no DOG a selección da empresa que se encargará de facer a aplicación. En decembro adheriranse os establecementos comercias e xa a mediados de xaneiro estará a aplicación dispoñible para empregar eses 120 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade