Cambio de rumbo na política económica europea, por María Cadaval
Cambio de rumbo na política económica europea, por María Cadaval
Nunca antes, dende a creación do BCE, os tipos de xuro medraran tanto en tan pouco tempo. A autoridade monetaria europea decidiu unha suba de 75 puntos básicos para situar o prezo oficial dos cartos nun 1,25 % , de momento.
Lonxe de quedar aí, como xa advertiu Christine Lagarde, vanse producir novas subas nas vindeiras revisións, podendo chegar ata o 3 % a comezos do 2023.
Atrás quedaron os tempos nos que os tipos de xuro eran negativos.
Nova etapa
Tras mais de oito anos dunha política monetaria expansiva, o que vén agora é un encarecemento do crédito e unha retirada de estímulos monetarios, que afectarán directamente ao peto das familias, das empresas e tamén das administracións públicas.
Esta viraxe ten un obxectivo dobre: por unha banda, trata de conter a escalada de prezos e, pola outra, frear a depreciación do euro fronte ao dólar.
As malas previsións de inflación para a zona euro e o impacto da política monetaria agresiva que levaron a cabo tanto a Reserva Federal coma o Banco de Inglaterra fixeron que o BCE apertase o acelerador para que o euro poña freo á súa caída.
O problema do dólar como referencia
A perda de paridade euro-dólar produce un dobre efecto, por unha banda beneficia as exportacións das empresas europeas, mentres que as importacións se encarecen, sobre todo as enerxéticas -que están referenciadas en dólares-, o que agrava aínda mais o problema do encarecemento da enerxía e iso alimenta a tendencia inflacionista.
Os efectos desta suba -e das que virán- son claros: aumentan os custos de financiamento para os particulares e empresas, co fin de frear a demanda e conter os prezos, aínda co risco de que a intervención reduza a actividade económica e, polo tanto, se enfronte á máis que probable recesión europea que se agarda para o vindeiro ano.
O encarecemento do crédito condiciona tamén a evolución do euríbor, ou Tipo Europeo de Oferta Interbancaria, e con isto todos aqueles préstamos a el referenciado, como adoita ser o das hipotecas a tipo variable.
No mes de agosto o tipo de referencia interbancario subiu ate un 1,25 %, o máis alto da última década, e seguirá escalando durante o mes de setembro.
A día de hoxe oito de cada dez hipotecas en España están referenciadas ao euríbor, o que lles suporá unha suba de arredor do 30 % ata final de ano, entre 125-280 euros ao mes.
Ao tempo que soben as hipotecas, fano tamén os préstamos ao consumo e para o investimento, co que a derivada inmediata é un arrefriamento da economía.
Aforro e débeda
Como contrapartida, aquelas persoas que teñen aforros comezarán a ver, por primeira vez nunha década, que os seus depósitos volven a ser remunerados.
Algo que, sen dúbida, celebrarán os países do norte de Europa, mais non tanto os do sur, que acumularon elevados niveis de débeda pública, o que se vai traducir nun encarecemento da factura de gastos financeiros nos próximos exercicios.
Parece que a loita contra a inflación pasa a ser a prioridade da política monetaria europea, aínda que isto supoña a disxuntiva clásica entre desemprego-inflación. Veñen tempos complexos.