Campo Lameiro volve á Idade do Bronce cun festival de arte rupestre entre petróglifos
Campo Lameiro volve á Idade do Bronce cun festival de arte rupestre entre petróglifos
Costelar ao espeto, obradoiros de arqueoloxía e visitas á recreación dun poboado para achegarse á arte rupestre dun xeito lúdico
O parque ofrece ademais a exposición permanente no Centro de Interpretación e unha área arqueolóxica duns tres quilómetros onde se localizan os petróglifos
Un xantar prehistórico a caron dos petróglifos de Campo Lameiro, fixo recuar o tempo ata a Idade do Bronce. Sucedeulle a todos os que asistiron á segunda edición do Festival de Arte Rupestre.
Ademais de pasar un día de xoldra o obxectivo da festa é dar a coñecer o patrimonio deste concello como destino turístico e arqueolóxico de Galicia.
Mentres o costelar se vai facendo a carón das brasas, no parque arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro os visitantes comezan a chegar coa ansia de coñecer como se vivía na idade de Bronce, 4.000 anos atrás, cando os nosos antergos deixaron pegadas na zona que hoxe seguimos a descifrar. Na recreación do poboado é día de faena.
"A base da construción dun poboado desta época témola aínda na cultura tradicional, que é a cestería. A diferenza entre os cabazos e as cabanas é que estas últimas están cubertas coa técnica da palla e o barro para impermeabilizar".
"Temos mostras da gastronomía, de como facían o pan e esas cousas. Ademais estamos facendo téxtiles, redes do pelo, redes de pescar e incluso un compañeiro tratando de facer un petróglifo".
"A xente queda un pouco sorprendida ao ver que realmente non son atrasados como pensamos senón que son sofisticados, que tiñan gastronomía, xoiería...".
"Desde que se atoparon esas pedras en Santo Antonio e por aquí, a xente que sabía delas empezou a darlle o valor que non se lle dera ata agora".
Son esas pedras que non se tocaron durante séculos por se tiñan un meigallo as que hoxe chaman polos visitantes que queren coñecer o noso pasado.