OPINIÓN
Causas da crise económica alemá, por Venancio Salcines
Termina a COVID-19 e as economías espertan, os consumidores empezan a gastar o seu aforro involuntario, e con iso chega o inicio da recuperación. Isto ocorre nunha parte do mundo agás en Alemaña, que esperta dun arrefriamento e entra noutro. Que pasou?
1.- Unha crise enerxética. O abandono do gas e do petróleo ruso golpea a súa economía e reforza a súa inflación. Francia tiña a súa enerxía nuclear, España o gas alxeriano, eles só tiñan a enerxía rusa, e rompen con ela.
2.- Unha crise exportadora. Alemaña é unha economía centrada na exportación industrial. O seu forte non é a venda de tecnoloxía o de servizos, é vender produtos industriais. Neste sentido, A China era un dos seus grandes clientes. Pero Pequín sae da crise sanitaria debilitada polo estoupido dunha burbulla inmobiliaria e unha sobre produción de produtos vencellados coa nova axenda económica europea, como os vehículos eléctricos. A China xa non compra, vende, e o que vende é mais axeitado para moitos europeos ca os clásicos produtos alemáns.
3.- Inflación. A inflación de Alemaña estaba reforzada polos custos do seu novo mapa enerxético, carente do barato gas ruso. A perda do poder adquisitivo xera incerteza e malestar entre a poboación.
4.- Xuros altos. A inflación provocou que os novos xuros, esencialmente altos, lastrasen o consumo e o investimento, sumando un novo motivo de descontento.
5.- Crise demográfica. Mentres en España a poboación, dende o 2019, medra en cerca de tres millóns de persoas, en Alemaña faino en trescentas mil persoas. O crecemento demográfico non actúa como motor, e o envellecemento é evidente. Caen as vendas no exterior e no interior. A desconfianza medra, e con iso, o descontento político.