Os novos desafíos na procura dunha produción leiteira eficiente centraron unha xornada de Seragro
Os novos desafíos na procura dunha produción leiteira eficiente centraron unha xornada de Seragro
Expertos analizaron as transformacións que está a experimentar o sector, tanto coa implantación das novas tecnoloxías como co aumento no número de cabezas por granxa
A experiencia dun gandeiro de Boimorto que conseguiu unha produción media de máis de 50 quilos por vaca ao día centrou unha das últimas conferencias das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.
Ao relato deste fito deulle pé o enxeñeiro catalán Lluis Xanxo-Doria, quen precisamente explicou como mellorar a calidade do ensilado para lograr unha alta eficiencia na produción láctea.
Lluis Xanxo-Doria, enxeñeiro agrónomo: "Se o ensilado non é de calidade, o nutricionista ten que poñer máis penso, e iso encarece a ración. É unha cuestión de custo económico, onde a perda de calidade implica un incremento do gasto para producir leite".
Segundo os organizadores, as xornadas cumpriron coas expectativas marcadas. Nelas tiveron un peso especial as transformacións que está a experimentar o sector, tanto coa implantación das novas tecnoloxías como co aumento no número de cabezas por granxa.
Martín López, veterinario de Seragro: "O cambio na dimensión das explotacións é unha realidade continua no sector, con explotacións cada vez máis grandes. Tamén se abrodou que a tecnoloxía e a robotización provén os gandeiros de gran cantidade de datos".
As xornadas celebráronse no campus lucense e contaron cuns 800 asistentes, entre os que figuraban uns 300 gandeiros.