Roberta Metsola, reelixida presidenta do Parlamento Europeo ata xaneiro de 2027
Roberta Metsola, reelixida presidenta do Parlamento Europeo ata xaneiro de 2027
A candidata alternativa, a exministra de Igualdade española e eurodeputada de Podemos Irene Montero, recibiu 61 votos
Von der Leyen aspira a revalidar o seu cargo á fronte da Comisión
A Novena sinfonía de Beethoven, himno oficial da Unión, abriu a décima lexislatura do Parlamento Europeo.
720 eurodeputados nunha cámara fragmentada en oito grupos e liderada polo Partido Popular Europeo.
Súa era a candidata á reelección como presidenta do Parlamento, Roberta Metsola, que apostaba por "un Parlamento forte nunha Unión forte".
A súa única rival foi a candidata da Esquerda, Irene Montero, que se estreaba como eurodeputada, e advertía que "á estrema dereita gáñaselle pola esquerda".
A conservadora maltesa logrou o apoio récord de 562 deputados.
A candidata de consenso entre populares, socialistas e liberais logrou un contundente 90 por cento da Eurocámara, e apelou a superar a política da polarización.
"As respostas fáciles que dividen as nosas comunidades entre 'nós' e 'eles'. Temos que avanzar máis alá deste xogo de suma cero que exclúe e enfronta as persoas", pediu Metsola.
Tras ela, a votación do resto da arquitectura institucional dunha cámara en que tamén está representada Galicia, con diferentes voces.
Ana Pontón sinalaba que "Este non é o escano do BNG, é un escano de país que vai servir para darlle voz aos intereses que nos xogamos en Europa".
A representante nacionalista dixo que "Nós seremos unha voz que vai alén dos nosos votantes porque defenderá os temas galegos".
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares tamén fixou obxectivos: "Temos que ser capaces de que as realidades galegas, como o despoboamento, o reto demográfico, se vexan plasmadas no reparto dos fondos".
Dende as filas populares, Millán Mon enumerou prioridades: "O sector primario, pesca, agricultura.. a industria, o financiamento, os fondos de cohesión...", e o seu compañeiro de filas Adrián Vázquez dixo que inician a lexislatura "cun grandísimo sentido da responsabilidade, e con ganas de impoñer un pouco do 'sentidiño' que nos caracteriza os galegos, nunha cámara que nos últimos anos lle deu máis malas que boas noticias a Galicia".