Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez asegura que a entrada de Ucraína na OTAN é "irreversible"

Pedro Sánchez asegura que a entrada de Ucraína na OTAN é "irreversible"

Biden anuncia no cumio da OTAN que cinco países enviarán sistemas de defensa aérea, como demanda Zelenski

Rusia di que tomará medidas para garantizar a súa seguridade

O presidente dos Estados Unidos Joe Biden (e), o presidente do Goberno Pedro Sánchez (c) e o secretario xeral da OTAN Jens Stoltenberg (d), no 75º cumio da OTAN que se celebra en Washington, EUA (Moncloa vía Europa Press)
G24.gal 10/07/2024 08:22 Última actualización 11/07/2024 08:30

O presidente do Goberno Pedro Sánchez, asegurou este mércores que é "irreversible" a entrada de Ucraína na OTAN, aínda que recoñeceu que "talvez" aínda non se dan as condicións e celebrou a "folla de ruta detallada e ampliada" para o flanco sur porque a inestabilidade nestas zonas é "unha ameaza" para a Alianza.

Nunha intervención no Foro Público da OTAN, celebrado en Washington, Sánchez puxo en valor o apoio a Ucraína xa que, segundo dixo, "está en xogo non só a defensa da integridade territorial e da liberdade", senón "tamén o respecto por un mundo gobernado por uns principios e uns valores claros", que son tamén a democracia "e o dereito a existir".

Neste sentido, o presidente apelou ao Dereito Internacional e Humanitario e a unha postura política coherente con Ucraína e Gaza en que "non haxa dúas varas de medir".

Respecto á entrada de Ucraína na OTAN, Sánchez engadiu que talvez aínda non se dean as condicións, pero reafirmou o seu apoio á integración e subliñou que ese proceso "é irreversible e é algo que vai suceder". "Mentres tanto, temos que apoiar e reforzar a Ucraína. Todos os Estados membros da alianza da OTAN estamos a facelo", defendeu.

Plan de acción para o Sahel

O xefe do Executivo destacou a importancia do continente africano "para a paz e a prosperidade na rexión euroatlántica". "A alianza pode facer moito a para reforzar a seguridade e a estabilidade do sur de Europa", lembrou Sánchez, quen ve como unha "boa noticia" un plan de acción para o Sahel.

Explicou que a inestabilidade no sur é unha "ameaza" para os aliados da OTAN, pois, segundo lembrou, os adversarios da Alianza "traballan con actores non estatais para amplificar os efectos do terrorismo, da inseguridade marítima ou as consecuencias do cambio climático".

Biden anuncia unha "doazón histórica" a Ucraína

Os 32 xefes de Estado e de Goberno da OTAN están reunidos en Washington no mesmo auditorio onde nacía a Alianza hai 75 anos

O presidente dos Estados Unidos deu o discurso inaugural. Dixo que a OTAN está máis forte ca nunca e lanzou unha mensaxe de unidade e de apoio incondicional a Ucraína fronte a Rusia. 

Joe Biden anunciou que cinco países —Os Estados Unidos, Alemaña, Países Baixos, Romanía e Italia— enviarán a Ucraína sistemas de defensa aérea, incluídos catro Patriot, unha das principais peticións de Volodimir Zelenski, que tamén está no cumio e definiu o feito como "resultado tanxible". Unha doazón "histórica", en palabras do presidente dos Estados Unidos.

O mundo mira a Biden e o seu papel neste cumio, en pleno debate sobre o seu estado de saúde e a súa candidatura.  Na primeira cerimonia, seguiu o guión, leu o discurso, non improvisou e foi interrompido con aplausos en varias ocasións.

Rusia di que tomará medidas para garantir a súa seguridade

"As medidas de resposta serán elaboradas polas autoridades político-militares (...). Creo que se fará todo para garantir a nosa seguridade", dixo o viceministro de Exteriores ruso Andrei Rudenko.

Rudenko asegurou que as decisións no cumio da Alianza non contribuirán a "nada bo", xa que están dirixidas á ulterior escalada do conflito en Ucraína.

Rusia advertiu no pasado de que a próxima chegada dos caza F-16 a Ucraína sería vista como unha provocación dos Estados Unidos e a OTAN, independentemente de se están ou non capacitados para portar armamento nuclear.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade