Comeza o xuízo contra Rubiales por agresión sexual e coaccións contra Jenni Hermoso
Comeza o xuízo contra Rubiales por agresión sexual e coaccións contra Jenni Hermoso
O expresidente da RFEF enfróntase á petición de dous anos e medio de cadea polo bico non consentido despois do Mundial de 2023
Na Audiencia Nacional comeza este luns o xuízo ao expresidente da Real Federación Española de Fútbol Luis Rubiales, acusado de delitos de agresión sexual e coaccións a Jenni Hermoso como consecuencia do bico que lle deu despois da final do Mundial de 2023 e que ela asegura que non consentiu.
Rubiales enfróntase a unha petición de dous anos e medio de cadea. Sentará no banco dos acusados a carón do director deportivo da selección Albert Luque, o exadestrador Jorge Vilda e o anterior responsable de Márketing da RFEF, Rubén Rivera, acusados de coaccionar a xogadora para que xustificase o bico.
Os feitos aconteceron o 20 de agosto de 2023 despois da vitoria da selección feminina do Mundial, cando Jenni Hermoso recibía o saúdo e a felicitación por parte do entón presidente da RFEF. Rubiales deulle un bico "sen o seu consentimento" segundo asegura a Fiscalía no escrito de conclusións.
A tenente fiscal da Audiencia Nacional, Marta Durántez, destaca que a conduta de Rubiales foi "sorpresiva e sen consentimento nin aceptación" e subliña a "situación de presión" á que foi sometida Hermoso con posterioridade para que "xustificara a acción". Aparte da Fiscalía, figuran como acusacións a propia Jenni Hermoso e a Asociación de Futbolistas Españois (AFE).
Todas solicitan as mesmas penas de cadea que o ministerio público, que reclama a inhabilitación de Rubiales para traballar no eido deportivo e unha indemnización de 50.000 euros, así como a prohibición de comunicarse ou achegarse á xogadora.
O Xulgado Central do Penal dará este luns inicio coas cuestións previas e despois a declaración de Jenni Hermoso.