O xuízo a Rubiales polo bico non consentido arrincará o 3 de febreiro de 2025
O xuízo a Rubiales polo bico non consentido arrincará o 3 de febreiro de 2025
Tamén sentarán no banco outros tres acusados de coaccionar a xogadora para que xustificase a actuación do expresidente da RFEF: o exdirector deportivo da selección masculina, o adestrador da feminina e quen foi responsable de Márketing da Federación
O expresidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales sentará no banco o próximo 3 de febreiro de 2025 como acusado dos delitos de agresión sexual e coaccións á xogadora Jennifer Hermoso polo bico non consentido que lle deu tras a final do Mundial o pasado 20 de agosto.
O xulgado central do Penal da Audiencia Nacional fixou 11 sesións, distribuídas entre o 3 e o 19 de febreiro do próximo ano, para o xuízo a Rubiales e aos outros tres acusados de coaccionar á xogadora para que xustificase a actuación do expresidente da RFEF: o exdirector deportivo da selección masculina Albert Luque, ao exeadestrador da feminina Jorge Vilda e o que fose responsable de Márketing da Federación, Rubén Rivera.
Dous anos e medio de cárcere, orde de afastamento e indemnizacións
Segundo a dilixencia de ordenación ditada este luns, a vista oral na que Rubiales se enfronta a unha petición da fiscal de dous anos e medio de cárcere -un máis que os outros acusados- terá lugar na sede que a Audiencia Nacional ten na localidade madrileña de San Fernando de Henares.
Ademais da Fiscalía, tamén figuran como acusacións a propia Jennifer Hermoso e a Asociación de Futbolistas Españois (AFE), que solicitan as mesmas condenas de cárcere que o ministerio público.
A futbolista pide ademais que se impoña a Rubiales a prohibición de achegarse a ela a menos de 500 metros ou comunicarse con ela durante oito anos e unha indemnización de 50.000 euros en concepto de responsabilidade civil, e doutros 50.000 a pagar co resto de acusados.
O escrito de Fiscalía
Os feitos sucederon o pasado 20 de agosto, no Estadio Australia de Sydney, tras a vitoria da selección feminina do Mundial.
O ministerio público describe no seu escrito de conclusións unha conduta de Rubiales "sorpresiva e sen consentimento nin aceptación" de Jenni Hermoso cando, durante a entrega de medallas do Mundial, suxeitoulle "a cabeza" con ambas as mans e propinoulle "un bico nos beizos".
E acúsao tamén de meter presión de maneira "constante" e reiterada á futbolista e á súa contorna para que "xustificase e aprobase" o bico que lle deu "contra a súa vontade" perante "as consecuencias persoais e profesionais" ás que este podería enfrontarse.
Unha "situación de fustrigación" da que tamén responsabiliza aos outros tres acusados, "persoas de confianza" de Rubiales que accederon aos seus cargos "baixo o seu mandato" e cuxa "privilexiada situación na RFEF" dependía da "sorte" que este correse.
Á marxe deste procedemento, Rubiales está investigado nun xulgado de Majadahonda (Madrid) polos delitos de corrupción nos negocios e administración desleal por presuntas irregularidades en contratos da Federación cando este estaba á fronte.