Concerto histórico do alumnado do conservatorio de Lugo, con máis dun cento de músicos
Concerto histórico do alumnado do conservatorio de Lugo, con máis dun cento de músicos
A orquestra, o coro e os alumnos de canto interpretaron o Te Deum de Charpentier
O famoso 'Te Deum' de Marc-Antoine Charpentier, cuxo preludio é especialmente coñecido por ser a sintonía de Eurovisión, encabezou un concerto que ofreceron hai escasos minutos a orquestra e o coro do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.
O repertorio deste espectáculo histórico, interpretado por máis dun cento de músicos na igrexa de San Pedro, completouse con outros temas non menos populares, coma o 'Palladio' do compositor galés Karl Jenkins ou unha versión en galego da panxoliña 'Noite de Paz'.
Daniel Borja Durán Alonso, director do Conservatorio Profesional de Música de Lugo: "Non é o habitual. Temos concertos da orquestra, temos do coro ou do alumnado de canto, pero non todo xunto. Case un terzo do conservatorio está aquí hoxe".
Sara Martínez, directora da Orquestra e Coro do CMUS Xoán Montes: "Somos 110 persoas no escenario. Hai moitísimos anos que non sucede isto. Todo o trimestre traballamos esta obra, un proxecto grande que esperamos que vaia moi ben".
Pero non todos os músicos forman parte do alumnado do conservatorio lucense. Entre os cantantes solistas figura un tenor que aspira a estudar no mesmo centro que o resto de intérpretes.
Abraham Sánchez, tenor: "É verdade. Son o único non alumno do conservatorio, e pensando o ano vindeiro, malia estar grande, ser alumno de canto do conservatorio de Lugo".
Actualmente, o Conservatorio Profesional de Música de Lugo, dependente de Educación, conta con máis de 400 alumnos.